Obituario | Antonio Gómez González, "O mestre de Xunqueira de Espadanedo"

Un bo amigo ensinoume que crecer é desprender: desprendemos do biberón, dos cueiros, da nenez, dos amores ou da saúde, pero o desprendemento mais duro é o dos seres queridos, aínda que non se esquecen apréndese a vivir sen eles e de ensinar e aprender... moito sabías avó.

Se hoxe os teus netos somos o que somos é grazas a ti avó, por ser exemplo de tanto: de serenidade, de paciencia, de esforzo, de traballo, de honradez, de humildade, de perseveranza... dunha vida dedicada a ensinar, coa cabeza e desde o corazón, que é como as ensinanzas se fan indelebles.

Deches clases e dirixiches o colexio de Xunqueira cando se xuntaban mais de douscentos alumnos, ensinándolles do académico e do vital a moitas xeracións e tamén viches como pechaba ese mesmo colexio xa hai anos por falta de alumnado, que ironía... ti tamén tiveches que desprenderte de moitas cousas nestes anos. Sempre coa man tendida, mais preocupado polos demais que por ti, querendo á avoa todos e cada un dos 67 anos que estivestes xuntos, con ese cariño que non hai verbas abondo para describir pero que todos envexamos. Preocupándote porque aos teus fillos nunca lles faltara de nada, coidando aos netos como so ti sabías facer. Moito nos lembramos daquelas tardes de pesca contigo cando éramos pequenos, do que che gustaba ir ao bar xogar a partida e, xa xubilado, enfundar as botas e pasar as mañás na horta entre xudías, patacas e tomates. Fuches e serás sempre o faro que nos guíe, porque aínda que o 22 de febreiro de 2023 se apagara a túa luz, as túas ensinanzas perduran en todos nós, inda que non esteas, seguiremos sentíndote igual, porque o teu corazón segue latexando en nós.

Estes días amoréanse moitas emocións: dor, rabia, tristura, melancolía... pero a mais intensa que sinto, a que sempre perdurará é a do orgullo por ti, orgullo de poder vivir moitas experiencias inesquecibles contigo, orgullo por aprender moito do que me ensinaches, orgullo por ter ao mellor avó do mundo, orgullo que se exemplificou no teu enterro cada vez que alguén se achegaba a dicirnos “o teu avó era unha institución no pobo”. Esteas onde esteas, avó, non te preocupes, porque as túas ensinanzas, os teus feitos, os teus actos, o teu legado, é infinito, acompañarannos, guiarannos e formarán parte de nós. Non te preocupes tampouco pola avoa, estaremos sempre ao seu carón, arroupándoa como tu facías.

Quérote moitísimo, abuelo! Grazas por tanto. Descansa como te mereces. Bicos ao ceo.

Con todo o cariño do mundo,

A túa neta

Bea Gómez Gómez.

Te puede interesar