As obras do vial principal do Polígono sofren un novo atraso

Parte do tramo que falta por renovar (JOSÉ PAZ)
photo_camera Parte do tramo que falta por renovar (JOSÉ PAZ)
Estaba previsto que os traballos comezasen hoxe, pero o gran tamaño das fochas retrasará o seu inicio

O vial principal do Polígono de San Cibrao leva anos en condicións deficientes e provocando moitas molestias a empresas e traballadores que pasan a diario pola zona industrial. Ademais, as pequenas obras realizadas, lonxe de solucionar este asunto, provocaron malestar e un caos de circulación sen atallar o verdadeiro problema: un asfaltado que necesita unha renovación urxente. Hai menos dun ano que remataron as obras que renovaron o firme desta vía dende a rúa 5 ata o final da área industrial, e aínda queda pendente o arranxo do primeiro quilómetro deste vial (rúa Ricardo Martín Esperanza). 

Hoxe era o día previsto para que comezase esa segunda parte da renovación, pero un problema técnico derivado dunha zanxa para unha acometida do gas volverá adiar estes traballos.

Íase aproveitar o menor tráfico na zona industrial ao tratarse dun día festivo, pero a empresa encargada detectou “deformacións superiores ao esperado no terreo, que se corresponden cunha zanxa feita para unha acometida do gas”. Este motivo volve retrasar, sen data prevista de inicio da obra, os traballos, xa que se decide cambiar a execución con aglomerado por outra que inclúe a reparación previa da zona da zanxa e o posterior aglomerado. Así, o próximo luns serán os técnicos os que busquen a solución técnica definitiva para comezar cos traballos nos días posteriores.

PROBLEMAS CONTINUOS

Os problemas derivados desta obra foron continuos nos últimos meses. A principios de setembro do ano pasado os condutores víronse obrigados a circular polos carrís de aparcamento por unha “obra previa” encargada a dúas empresas que debían regularizar todas as acometidas que realizaran por baixo da estrada. Ademais, tamén cabe destacar que esta foi unha das obras que quedaran adiadas polo incremento dos prezos dos materiais de construción.

Así, semellaba que por fin se ían acabar os problemas para os máis de 8.000 traballadores que pasan a diario por esta estrada, pero os rebotes seguirán. Pola súa banda, a Asociación de Empresarios do Polígono de San Cibrao lamentaron un novo retraso nas obras e remarcaron a “necesidade e urxencia” para o desenvolvemento e o bo funcionamento da máis grande área industrial de toda Galicia

Te puede interesar