Diarios do pasado

Obras e vestixios no Museo Arqueolóxico

O Museo Arqueolóxico en obras.
photo_camera O Museo Arqueolóxico en obras.

Non é novidade se lles digo que levamos moitos anos sen museo arqueolóxico. Lembro, a finais da década de 1990, cando impartía un curso de doutoramento na Universidade de Vigo e solicitáralle ao museo ver cos alumnos as cerámicas dunha escavación que eu mesmo dirixira. Pero estaban embalados para trasladalos ás dependencias provisionais no colexio Santa María de Europa, na Carballeira. Teoricamente, para comezar de inmediato as reformas desta importante institución creada no ano 1895 pola “Comisión Provincial de Monumentos Históricos y Artísticos de Ourense”. Afortunadamente agora as obras estanse a executar, con bo ritmo e a participación dun equipo de arqueólogos que dirixe Eduardo B. Nieto, atentos a todas as incidencias. O edificio do museo é quizais o máis interesante da cidade dende o punto de vista histórico. As súas arquitecturas reflicten gran parte da evolución urbanística e construtiva de Ourense, dende as ruínas romanas que conserva, ata as reformas do arquitecto Pons-Sorolla do pasado século.

O museo, con pezas e coleccións arqueolóxicas procedentes de toda a provincia, trasladouse á sé actual despois de 1951, cando comprara o inmoble o Ministerio de Cultura. Mais a súa función orixinal era a de pazo episcopal, residencia do Bispo. Comezou a construílo o prelado don Diego II no s. XII, experimentando as lóxicas reformas de crecemento e adaptación dun edificio que estivo en uso durante oito séculos. Por iso conflúen nel os estilos románico, gótico, renacentista e barroco, que se observan tanto nas diferentes partes da fábrica como nos paramentos dos muros. Para saber dos restos que apareceron no subsolo, Francisco Fariña Busto, anterior director da institución, dirixira varias escavacións entre 2000 e 2007 que publicou con varios colaboradores. Do asentamento máis antigo, de época romana e anterior á edificación do pazo episcopal, apareceron varias construcións das que polo momento descoñecemos a súa función con certeza, pero que parecen constatar unha intensa ocupación en grandes zonas deste solar, e que poden estenderse entre os séculos I e V d.C. Xunto con esas estruturas arquitectónicas descubríronse materiais arqueolóxicos de diverso tipo, os máis antigos da segunda metade do século I d.C., así como un tesouriño de moedas do s. IV, ademais de dous altares ou aras votivas, posiblemente tamén do século I d.C.. Un estaba adicado ao deus supremo Xúpiter. O outro conserva unha escritura de difícil interpretación. Igual que comprobamos noutros sectores da cidade, como na Madalena, Burgas, Trindade ou a contorna da praza de Saco y Arce, tamén no subsolo do edificio do Museo Arqueolóxico apareceron tumbas da última etapa romana, dos séculos III-V d.C., xunto aos restos dunha destacada construción de forma hexagonal e función de momento descoñecida. As intervencións arqueolóxicas actuais, que aínda están sen rematar e publicar, van ampliando e matizando a información precedente, tanto da época romana como da medieval. Desta última delimitouse unha das torres xa coñecidas e unha muralla tamén defensiva.

Pero non se preocupen, queridos lectores, pola integridade destes restos arqueolóxicos. Como antes lles dicía, un equipo de arqueólogos traballa arreo a pé de obra. A súa labor está axudando a definir con máis detalle o que xa coñeciamos sobre as evidencias arqueolóxicas neste sitio, para conservalos e integrar parte dos restos descubertos no novo museo que todos desexamos visitar canto antes.

Te puede interesar