Certames do audiovisual miran á iniciativa privada ante a escasa implicación de Xunta e Deputacións

O orzamento lastra ó único Festival de Cine de Galicia

A concelleira Isabel Pérez na gala do XVI OUFF, co logotipo ó fondo. (Foto: X. FARIÑAS)
Son moitas as citas audiovisuais que se teñen organizado por toda a xeografía galega nos últimos anos.
Algunhas foron quedando no camiño e outras xa superaron a maioría de idade hai uns tempos. Os motivos que argumentan a súa celebración son variados: curtametraxes, audiovisual galego, europeo ou internacional. Estas adoitan ser as principais especialidades de cada unha delas. O que todas, absolutamente, teñen en común é que se están vendo devorar pola crise económica e a limitada implicación das administracións públicas. O Festival de Cine de Ourense continúa sendo o único como tal e hoxe vese afectado por uns problemas máis peculiares, os políticos, ademáis dos recortes. Pero o certo é que en toda Galicia hai outros grandes certames co cine como motivo principal.


O 'DIVORCIO' OURENSÁN

A última edición do Festival de Cine de Ourense contou con 400.000 euros. Deles, a Deputación aportaba 90.000 euros que agora decidiu suprimir, non sen polémica. Rexido por un Consorcio, pasa por ser o 'gran festival galego'. De feito, é o único que se pode calificar como tal. A súa estructura é semellante á de grandes certames coma o de Málaga -algo máis pequeno en idade có ourensán-, con galas de apertura e clausura, premios de longametraxes, curtametraxes e documentais e, ata hai poucos anos, a presencia de personaxes coñecidos para o gran público. Aínda que nestes momentos a súa celebración está no aire, a gala deste ano sería a número 17. Pero a falta de entendemento entre Concello e Deputación ameaza a súa existencia ou, cando menos, obrigará a repensar a súa estructura.


PROXECCIÓNS EN COMPOSTELA

O audiovisual en Santiago leva por título, sobre todo, Cineuropa. O certame non competitivo cumprirá 26 anos este ano, con éxito de público e, segundo expresan dende a organización, co 'programa cultural con maior participación da cidade' compostelá. Son en total 20 días de programación que acadan un orzamento duns 250.000 euros, aínda que as previsións para este ano irán cara abaixo. Finánciao o Consorcio da cidade, formado polo Concello e a Xunta, ademais dalgunha aportación do Ministerio de Cultura, sin que conste aportación fixa da Deputación da Coruña. Dirixido por José Luis Losa, proxecta máis de 150 estreas. Cada ano, conta cunha estrela convidada que na última edición foi Aitana Sánchez-Gijón.


O CHISTE QUE XA NON O É

A similitude do seu nome co do municipio da Costa Azul foi o que levou á asociación cultural Arela a organizar un Festival de Cans (O Porriño) que comezou coma broma pero agora converteuse nunha 'alternativa seria', segundo o seu director, Alfonso Pato. Nos próximos días presentarán a súa IX edición, para a que contan cunha inversión de 80.000 euros, dos cales son públicos arredor do 45%. O principal patrocinador é o Concello do Porriño e nos últimos tempos teñen tido algún problema para cobrar as colaboracións que comprometen a Deputación de Pontevedra e tamén a Xunta. Por eso queren máis aportación privada. Dito isto, Pato aproveita para reclamarlle ás Administracións un 'compromiso cos festivais que creo que agora non están tendo'. A singularidade das autoridades chegando en tractor ou os premios Pedigrí deron a coñecer este certame, que agora se mantén apoiado sobre o audiovisual galego. Pato confesa, ademais, que se 'entristecería se desaparecera o OUFF porque é o gran festival de Galicia'.


DOCUMENTAIS EN TUI

O Play-Doc é tamén unha das grandes citas do audiovisual en Galicia, pero o seu é un carácter máis especializado. O pasado marzo, este festival de documentais celebrou a oitava edición cun orzamento inferior ós 50.000 euros. Concello e Xunta son algúns dos patrocinadores e colabora tamén con eles a Deputación de Pontevedra. Do seu éxito, os responsables sinalan que xa teñen pasado máis de 45.000 espectadores pola localidade. Pero o Play-Doc non escapa dos problemas. De feito, nesta última edición recurriu ás donacións do público para completar a financiación.


E OS QUE AGORA NACEN

A pesar de que o panorama é desalentador, aínda hai quen se anima a crear. Do 30 deste mes ó 5 de xuño, Vigo acollerá a primeira edición do Primavera do Cine. Serán algo máis duns modestos 30.000 euros os que nutran este novo certame, no que nin Xunta nin Deputación de Pontevedra colaboran.

O seu lema é que 'nas épocas de crise, hai que renovarse'. Así o explica a súa directora, Ana Laura Pereira, que destaca a 'forza de vontade' e a 'traxectoria' do equipo organizador como bazas para o éxito desta nova iniciativa.

Te puede interesar