Ourense lembra ao Eduardo Blanco Amor máis universal

photo_camera A escultura que o representa na praza de Bispo Cesáreo, unha obra de Xosé Cid na que tradicionalmente se entrega o premio Eduardo Blanco Amor de novela longa, acolleu unha homenaxe ao escritor ourensán no 126 aniversario do seu nacemento
A fundación que leva o nome do autor de “A Esmorga” homenaxeou ao escritor no 126 aniversario do seu nacemento. Amosaron o seu lado máis persoal e a súa calidade literaria

Eduardo Blanco Amor persiste en Ourense. A escultura que o representa na praza de Bispo Cesáreo, unha obra de Xosé Cid na que tradicionalmente se entrega o premio Eduardo Blanco Amor de novela longa, acolleu onte unha homenaxe ao escritor ourensán no 126 aniversario do seu nacemento. A fundación que leva o nome do autor de “A esmorga” foi a encargada do acto, no que o presidente da mesma, Luis González Tosar, enxalzou a “universalidade” de Blanco Amor e da súa literatura.

Tosar fixo un repaso pola traxectoria dun dos intelectuais da provincia. O presidente da fundación falou da estancia do autor en Ourense e dos “rexeitamentos” aos que foi sometido por parte de grupos intelectuais.

A continuación, a profesora María do Carmo Henríquez aportou unha visión máis persoal -xa que coñeceu ao escritor- na sentida homenaxe. Falou da súa personalidade “acolledora e simpática”, entre outros aspectos da figura dun autor universal que naceu en Ourense hai 126 anos e finou en Vigo o 1 de decembro de 1979.

A conmemoración do 126 aniversario de Eduardo Blanco Amor continuou no Liceo Recreo Ourensán. Os escritores Bieito Iglesias e Afonso Vázquez Monxardín protagonizaron unha mesa redonda titulada “Eduardo Blanco Amor: o estigma continúa”.

Te puede interesar