Durmirán por turnos nas aulas para que non se reduza o profesorado

Pais e alumnos péchanse no colexio de Carballeda

Alumnos e un grupo de pais, onte nunha aula do colexio público de Carballeda de Avia. (Foto: MARTIÑO PINAL)
Pais, alumnos e un grupo de veciños de Carballeda de Avia iniciaron onte pola tarde un peche nas instalacións do colexio público 'en protesta polos recortes que a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria ten previsto levar a cabo o próximo curso no sistema educativo público do rural galego', segundo indica Elías Rozas, da Asociación de Nais e Pais 'O Carballo'. Instaláronse con colchonetas e sacos de durmir dispostos a organizarse en distintos turnos para seguir ocupando as aulas en días sucesivos ata que consigan que os responsables de Educación atendan as súas demandas.
A reestruturación do ensino suponlle para este colexio a supresión de tres dos sete profesores que tiñan ata agora e, en consecuencia, a desaparición de dúas aulas, unha de Infantil e outra de Primaria.

'Non convocamos ós veciños a que se sumen ó peche, pero aínda así durmiremos aquí algo máis de 50 persoas', apuntou Elías Rozas.

Mentras os nenos non paraban de xogar, porque 'para eles é unha festa', indicaba Rozas, os pais e veciños que protagonizan o peche adicaron esta primeira xornada no colexio para facer pancartas e distribuilas polo municipio, onde xa hai colocados un bo número de carteis protestando polas medidas da Consellería de Educación, xa que o que reivindican é que se manteñan os sete profesores que había para atender ós 50 nenos matriculados, ó mesmo tempo que rexeitan a concentración de alumnos de distintas idades en menos aulas das que había ata agora e con menos apoio docente.

A asociación de pais de Carballeda de Avia tamén anunciou que seguirá coa recollida de firmas entre os veciños e que, ademais do peche no colexio que seguirán en días sucesivos, ten previsto para o próximo xoves concentrarse en Ourense, ás 11,00 horas, diante da Delegación de Educación.


CASTRELO DE MIÑO

Os pais do colexio Pena Corneira de Carballeda de Avia foron os primeiros en iniciar as accións de protesta na comarca do Ribeiro. Empezaron cunha concentración diante do centro en días pasados e agora siguen co encerro. Tamén en Castrelo de Miño se movilizaron pais, alumnos, profesores e veciños apoiados polo alcalde, Xurxo Rodríguez.

A concentración desenvolvíase o pasado sábado ás portas do centro en contra da supresión dunha unidade de Primaria e dous profesores. O Concello de Castrelo tamén aprobaba a semana pasada unha moción rechazando dos recortes en Educación que afectan ós colexios do medio rural, entre eles ó do seu municipio.

Te puede interesar