Os panadeiros de Cea cocerán 2.500 pezas de pan para unha festa que prevé 20.000 asistentes este domingo

Varias piezas de pan de Cea (Foto: Martiño Pinal)
A Indicación Xeográfica protexida Pan de Cea agrupa 20 panadeiros que abastecen un mercado que creceu un 10% o último ano
Os 20 panadeiros tradicionais que elaboran pan de Cea cocerán 2.500 pezas para a festa anual que este domingo día 7 de xullo terá a súa edición número 22 cunha previsión de participación de 20.000 persoas no campo da Saleta de San Cristovo de Cea.

Na presentación da festa do Pan de Cea, o presidente do consello regulador da Indicación Xeográfica protexida (IXP), Carlos Manuel Rodríguez, explicou que a demanda deste pan aumentou un 10 por cento no último ano, o que animou a tres panadeiros máis a solicitar o seu ingreso, ata chegar aos 20 actuais.

O 70 por cento da produción de 'poias' (pezas do pan de Cea de dous tamaños diferentes) véndese fóra da súa bisbarra orixinal, en toda Galicia, pero tamén en Madrid, Barcelona, Murcia, País Vasco, Cantabria, Andalucía e chega ata as Islas Baleares, segundo detallou Rodríguez.

A festa do pan de Cea, segundo explicou o alcalde da localidade, José Luis Valladares, comezou a celebrarse o 12 de xullo de 1992 e logo cambiouse a data para que non coincidise coa do patrón San Cristovo, e despois de conseguir o amparo como produto de calidade e a declaración do pan de Cea como exclusivo da IXP, a primeira deste tipo en Europa.

O presidente do consello regulador e tamén panadeiro detallou as actividades da festa do domingo 7 de xullo, na que haberá produtos dos 23 consellos reguladores galegos do viño, queixos, mel, augardentes, lacón e outros.

MENÚ
Os visitantes poderán degustar un menú de 20 euros que incluirá Lacón de Galicia, empanada de Tenreira Galega, polbo 'á feira', carne 'ao caldeiro' con pataca e castaña de Galicia e sobremesa a base de queixos e mel tamén amparados por senllos consellos reguladores, ademais dunha torta de améndoa elaborada por unha pasteleira local.

Pola tarde, haberá degustación gratuíta ás 20.00 horas de pan de Cea con chourizo acompañado por viños do Ribeiro e Rías Baixas. Orquestra e pregón a cargo de Cantareiras de Ardebullo completarán a 22 edición dunha festa que se centra nun produto tradicional a elaboración do cal está documentada dende o século XIII.

Pola súa banda, o presidente da Deputación provincial, José Manuel Baltar, referiuse ao pan de Cea como 'Panacea', que era unha deusa grega 'que resolvía todo tipo de doenzas'.

Te puede interesar