O Parlamento demanda o arranxo das estradas con danos polas obras do AVE

<p></p>

O Parlamento galego demandou onte-tras unha iniciativa do PSdeG aprobada por unanimidade- que se arranxen os danos producidos en estradas ocasionados debido ás obras de alta velocidade polo paso de camións pesados.

A proposta, aprobada na comisión de Ordenación Territorial, insta á Xunta a garantir a seguridade viaria nas estradas afectadas polas obras do AVE, así como a demandar o Administrador de Infraestruturas Ferroviarias (ADIF) que se rehabiliten as zonas danadas. O portavoz socialista Raúl Fernández denunciou o "estado lamentable" de varias estradas da provincia de Ourense que afectan á seguridade vial das zonas nas que hai obras.

Raúl Fernández chamou a atención sobre como a construción da liña de alta velocidade entre Lubián e Ourense, con moito movemento de maquinaria e vehículos de gran tonelaxe, provocou a deterioración de estradas da rede autonómica. Por iso, asegurou que "toda a alteración do entorno" é responsabilidade de ADIF e correspóndelle repoñer os estragos.

Pola súa banda, Jesús Goldar (PPdeG) defendeu que a Xunta realizou "reiteradas peticións" a ADIF sobre os danos das obras do AVE nas estradas OU-111, OU-113 e OU-114. Así mesmo sinalou que "o Goberno de Galicia e este grupo parlamentario comparten a necesidade de manter o firme das estradas autonómicas nun axeitado estado de conservación e que lle corresponde ao ADIF promovor as accións oportunas para correxir os desperfectos".

Te puede interesar