Igrexas e capelas ourensás

Parroquia de San Breixo, Seixalbo

A etnográfica vila de Seixalbo pertenceu na súa orixe ao coto do cabido da catedral, á mitra mailo Concello de Ourense, sendo durante séculos a “maza da discordia” entre ambos estamentos. 

A bonita localidade caracterízase, a pesares do tempo transcorrido, pola súa singular estrutura medieval toda vía notoria a pesares do avance das súas modernas construcións, destacando sobre maneira polo seu forte ruralismo belamente representado pola súa forte tradición rural presente nalgunha das súa interesante rúas así como nas construcións populares que atesoura ao que se suma unha peculiar e axeitada planificación construtiva acadando, deste xeito,  a categoría de ser o único núcleo dentro da ordenación do Concello de Ourense considerado como un dos conxuntos máis belos, mellor conservados e representativos dentro dos espazos rurais existentes do noso concello, digno exemplo a seguir polos restantes poboamentos existentes nos que, desgraciadamente, día a día, esmorece a vela do seu belo patrimonio etnográfico e cultural. 

A igrexa parroquial, baixo a advocación de San Breixo, constitúe o punto central da poboación de igual modo ca referencia da mesma. O edificio relixioso contén interesantes mostras de diferentes estilos arquitectónicos: románico, de finais do século XII e principios do XIII, arco triunfal de ferradura, acertadamente restaurado, mantendo, iso si, o estilo orixinal  similar ao que tiña orixinalmente; elementos platerescos como a capela de san Roque, datada no século XVI, ademais de diversos elementos tanto eclécticos como modernistas. O primitivo templo sufriu importantes modificacións ao longo do tempo sobre todo dende o derrube da súa torre, feito acontecido o día 11 de xaneiro do ano 1866, sendo reconstruída integramente no decurso do 1901 a conta dos veciños ante a nula axuda dos diversos estamentos públicos.

A fachada deseñada polo arquitecto diocesano, Daniel Vázquez Gulías, constituíu o seu primeiro traballo en relación cas edificacións relixiosas por el realizadas posteriormente. Foi a iniciativa do párroco, Manuel Canal quen acometeu as demoradas e desexadas obras. Xa no interior do templo, dunha nave única, destaca o interesantísimo  reconstruído arco triunfal de ferradura (licencia municipal do día 9 de marzo do ano 1901) así como as grandes e importantes modificacións realizadas  como a elevación en altura da nave así como no presbiterio, ademais de diversos engadidos platerescos. Resulta sumamente interesante a conservación dalgúns elementos románicos pertencentes ao primitivo templo, canícelos, algúns deles re utilizado. Deuse remate ás obras no decurso do segundo lustro do século XX.

O retablo maior do presbiterio é renacentista formado por tres corpos distribuídos entre tres rúas ocupadas por diversas tallas presididas polo sagrario, ademais da imaxe do titular da parroquia. 

Accédese ao interior do interesante recinto relixioso a traveso dunha portada decorada cun arco carpanel, abríndose nos corpos laterais sendas e alargadas fiestras con gran derrama cara o exterior. No ano 1910 construíuse a actual torre formada por dous corpos decorado un deles cun reloxo circular, mecede ao párroco Evaristo Bahamonde,  namentres que a súa parte superior rematase cun campanario. O custo do citado reloxo maila campá supuxo un importe total de 2.047 pesetas.

Resulta interesante o típico cemiterio que rodea a totalidade da igrexa por conter destacables esculturas sepulcrais dignas dun estudo polo miúdo como a que representa o anxo custodio, san Miguel, portando os seus atributos, dificilmente identificados polo deteriorado da figura, namentres que outras consérvase, por seguridade, no interior da igrexa ou re utilizadas noutros menestreis. 

Dentro da xurisdición parroquial existen tres interesantes capelas; así do ano 1767 existe a documentación da existencia dunha delas como a de Santa Águeda, protexida por un cruceiro plateresco 4; outra baixo a advocación da Nosa Señora da Expectación, en Zaín, a máis antiga, ademais da de San Blaix, nas Curuxeiras, que atesoura un interesante retablo datado no século XVI decorado a súa predela co escudo dos seus patróns fundadores: Novoa e Enriquez.

Te puede interesar