Educación

Os participantes en Galiciencia, investigadores da policía por un día

galiciencia (3)_resultado
photo_camera Os alumnos de Primaria realizaron o taller “CSI”

Os alumnos de Secundaria desfrutaron dun taller sobre a microbioloxía e o seu papel na saúde

A segunda xornada de Galiciencia, maior feira científica da comunidade,  celebrouse onte co obxectivo de espertar vocacións científicas entre o alumnado de Primaria, Secundaria, Formación Profesional e Bacharelato. “A innovación poscovid a través da revolución do talento” é o lema desta edición, que, por segundo ano consecutivo, organizouse en formato online debido á situación sanitaria. 

O certame científico remata hoxe, e a vindeira semana daranse a coñecer os gañadores do concurso de proxectos e tamén do concurso de fotografías promovido a través da rede social Instagram.

Ao longo da segunda xornada celebráronse dous talleres. Os alumnos de Primaria realizaron o taller “CSI”, onde tiveron a oportunidade de coñecer a relación que existe entre a ciencia e a tecnoloxía e a investigación policial. 

Os participantes convertéronse en policías da unidade CSI para lograr resolver unha misteriosa desaparición, concretamente, a dunha torta. No transcurso do taller, recolleron e clasificaron as probas, extraeron impresións dixitais, identificaron rastros ocultos utilizando luz ultravioleta, elaboraron un retrato robot de forma conxunta e analizaron rastros de sangue falsa e pegadas de zapatos. 

Pola súa parte, os alumnos de Secundaria participaron no taller “Microbioloxía para entender o mundo”, a través do cal puideron descubrir, mediante exemplos cotiáns, como a microbioloxía xoga un papel fundamental tanto na nosa saúde como no noso día a día. 

A feira clausúrase hoxe, coa celebración de dous novos talleres co título “Como pode voar un helicóptero en Marte?” para rapaces de Primaria e “Espiando a coroa” para mozos de Secundaria.

Te puede interesar