Paseando co inimigo

O candidato socialista, Emilio Pérez Touriño, escolleu un paseo pola rúa do Paseo de Ourense, na que coexisten carpas electorais de PP e PSOE, o que levou a que o aspirante á reelección tivese que escoitar de boca do dirixente popular Cristobal Montoro a incómoda confesión de que traballa para que non se manteña na Xunta.
Antes de que comezase a visita, a presenza do presidente da Deputación, José Luis Baltar, e o seu fillo, o candidato José Manuel Baltar, na mesma rúa en que Touriño ía repartir propaganda xa facía prever que o encontro entre socialistas e populares ía ser inevitable.

Despois de que Pérez Touriño saudase mulleres, anciáns, nenos ou adolescentes, nun momento do paseo apareceu outra comitiva popular, encabezada polo dirixente nacional Cristóbal Montoro, acompañado do deputado ourensán Celso Delgado.

Case sen tempo a reaccionar, Pérez Touriño e o voceiro económico do PP saudáronse e estreitaron as mans. 'Traballando para que non sexas presidente', díxolle Montoro a Pérez Touriño. 'Pois telo mal', replicoulle o candidato á reelección, de bo humor.

Detrás dun barullo de simpatizantes, cámaras e dirixentes políticos, José Luis Baltar non se achegou a Pérez Touriño, ante o que chanceou diante dos xornalistas: 'Non me deixades achegarme, pensades que podo facer un atentado', dixo o dirixente popular, aínda que o encontro entre socialistas e populares, malia breve, foi civilizado e distou moito dalgúns encarnizados debates parlamentarios entre o PP e o PSOE.

Durante o paseo, Pérez Touriño estivo acompañado polo alcalde da cidade, Francisco Rodríguez, polo cabeza de lista do PSOE por Ourense, Manuel Vázquez, e por outros candidatos.

O alcalde, a requirimento de Touriño, tivo que recoller queixas dun veciño que ten problemas coa legalidade dun edificio, mentres toda a comitiva tivo que escoitar as protestas dun membro do colectivo 'Salva o tren', que pediu que a conselleira de Política Territorial, María José Caride, traballe e presione en Madrid para lograr un servizo de proximidade.

'Mire por nós', díxolle un señor ao candidato socialista, ao que tamén lle espetou: 'Xa está gañado', ao que Pérez Touriño lle respondeu: 'Bueeno, bueeno....'.

Pérez Touriño, obsesionado estes días coa necesidade de participación nas eleccións, tamén se atopou con que algunhas persoas non viven tan intensamente a campaña electoral.

Así, cando lle entregou a un home un folleto 'para o 1 de marzo', outra señora que se atopaba preto preguntou: E domingo, non?'.

Pero, independentemente do casual encontro cos dirixentes do PP, o paseo foi plácido para o candidato socialista, xa que a maioría das persoas que se atopaban na carpa eran abertos simpatizantes. 'Viva o señor Touriño', berrou unha delas.

Te puede interesar