O paso a nivel de Peliquín levanta polémica de novo

Paso a nivel situado no barrio de Peliquín.
photo_camera Paso a nivel situado no barrio de Peliquín.
O BNG insiste en modificar o proxecto de Adif no paso a nivel de Peliquín, que prevé a súa supresión

O paso a nivel de Peliquín volve estar sobre a palestra. O Bloque Nacionalista Galego insiste na “necesidade” de corrixir o proxecto formulado polo Administrador de Infraestruturas Ferroviarias (Adif). O ente xestor da infraestrutura prevé suprimir o cruzamento no marco das obras da entrada da alta velocidade á estación. Para substituílo, Adif formula a construción dunha pasarela elevada a 400 metros do paso actual, que estaría reservada a peóns, polo que o tráfico quedaría sen alternativa.

Dende o BNG aseguran que “a veciñanza tense manifestado contraria a este proxecto en varias ocasións, solicitando a modificación do mesmo cunha proposta alternativa que, segundo os técnicos consultados, ‘é posible e viable tecnicamente’”. A formación nacionalista explica que esta alternativa consistiría nun paso soterrado no mesmo lugar en que se sitúa o actual paso actual, e que apenas sería preciso ocupar unha parcela pertencente a Renfe.

Os nacionalistas inciden en que “ao non terse iniciado e nin tan sequera licitado as obras deste tramo en concreto e existindo solucións técnicas practicables dentro das afeccións abordadas polo estudo informativo, só é cuestión de vontade política do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana (Mitma), Renfe e Adif”. Non é a primeira vez que dende o BNG alertan da supresión do paso a nivel, que provocou mobilizacións veciñais e incluso unha recollida de firmas que entrou no Congreso dos Deputados.

O portavoz municipal do BNG, Luís Seara, manifestou que “ao non terse iniciado as obras, aínda estamos a tempo de corrixir”. O proxecto, de executarse tal e como está previsto, “condenaría o barrio ao seu illamento co resto da cidade”, segundo dixo.

Seara quixo pedirlle ó alcalde “que non se cruce de brazos, que non se poña de perfil”. En concreto, instouno a dirixirse ao Mitma “para pedirlles que fagan outro proxecto que permita a conectividade do barrio co resto da cidade”. Neste sentido, lembrou que pode aproveitar a participación municipal no convenio de colaboración para desenvolver a estación intermodal e o seu entorno urbano, que foi asinado en 2016 polo Goberno, a Xunta, o Concello e Adif.

Te puede interesar