Patíbulos con forca en Ourense

Forca de orixe medieval en Vila Nova de Cerveira.
photo_camera Forca de orixe medieval en Vila Nova de Cerveira.

En España non existe a pena de morte. Foi abolida na Constitución de 1978, coa excepción que puideran supoñer causas excepcionais, como as que ditasen os tribunais militares nos tempos de guerra. En 1995 foi abolida en calquera circunstancia, feito ratificado coa sinatura da Convención Europea de Dereitos Humanos en 2009. Sen embargo, a historia está cargada de sentenzas xudiciais de morte, que se practicou de diversas formas, e unha delas foi o aforcamento. Poucos investigadores trataron este macabro tema en Ourense. Por iso queremos destacar os traballos de Olga Gallego ao respecto.

A referencia máis antiga e unha cita sobre a existencia dunha forca no contorno do campo de San Lázaro, xunto ao actual parque do mesmo nome, que aparece nun documento de 1277. Seguen as citas sobre a situación de forcas de axustizamento no século XV, na outra beira do Miño, concretamente xunto ao Vao, e outra na zona do Codesal, en 1539, entre outras. O aforcamento considerábase unha morte indigna, vergoñenta e infamante. A investigadora conta incluso como debe executarse a sentenza: “...sexan sacados do cárcere e traídos polas rúas públicas con voz de pregoeiro que manifeste as súas culpas e delitos ata chegar á Praza maior onde, feita unha forca” e “sean ahorcados por el pescuezo hasta que mueran naturalmente y nadie les quite de ella, pena de la vida sin licencia suya...”. A pena de morte non se limitaba á quitarlle a vida a un reo. Segundo os costumes de cada época, levaba implícita a vergonza pola conduta antisocial merecente da condena e a finalidade exemplarizante para evitar delitos. Neste sentido, non podemos esquecer os “pelouriños” -tamén chamados picotas e rollos de xustiza- que, entre outras, tiñan como fin expoñer aos condenados á vergoña pública atados a eles. Sabemos da súa existencia en lugares como na actual rúa Pelaio -antes do “Pelouriño”-, outro nome dos que reciben estas columnas situadas en lugares públicos. En setembro do ano 1836, o xornalista e escritor J. Adrio Menéndez, fala do vergoñenta exposición de varios cadáveres na Praza Maior de axustizados, se ben non indica como lles aplicaron a sentenza. A abolición da pena de morte por aforcamento foi un proceso longo e complexo, parello dos gobernos liberais e absolutistas que se sucedían no século XIX. Finalmente vai ser substituída polo “garrote vil” na etapa de Fernando VII, que ordena a súa aplicación como única forma legal de execución en substitución do aforcamento, introducido en toda España como única execución legal. 

Parece que a supresión da pena de morte por aforcamento na xurisdición ordinaria, non significou a súa eliminación definitiva. Sabemos que se sigue aplicando na xurisdición militar durante bastantes décadas do século XIX. Pero, aínda así temos, temos constancia de aforcamentos posteriores de civiles en Ourense, polo que a disposición real de Fernando VII non debeu ser inmediatamente efectiva. Unha das derradeiras execucións por aforcamento foi no Campo do Posío, en 1848, un labrego de Loñoá das Olas por matar a súa muller.   

A pena de morte é, na nosa opinión, un castigo a erradicar e todo o planeta porque responde a unha forma punitiva primaria e exemplarizante. Unha morte, independentemente de quen a practique -un individuo ou o Estado- sempre é unha acto sen volta atrás.

Te puede interesar