Pereiro volve ao xeodestino da Ribeira Sacra 17 anos despois

Un dos carteis que queda no Pereiro anterior á súa expulsión do xeodestino Ribeira Sacra.
photo_camera Un dos carteis que queda no Pereiro anterior á súa expulsión do xeodestino Ribeira Sacra.
O municipio foi un dos membros fundadores da primixenia Mancomunidade Intermunicipal

O Concello do Pereiro de Aguiar foi incluído onte pola Axencia de Turismo de Galicia, xunto con Trives, San Xoán de Río, Manzaneda e Chandrexa de Queixa, no Xeodestino Ribeira Sacra. A diferenza dos outros catro municipios, que se incorporan por primeira vez, O Pereiro volve a este espazo turístico tras 17 anos de ausencia trala súa expulsión no ano 2005. Ademais, o concello ten unha relevancia especial, xa que é un dos dez concellos ourensáns que formaron a primixenia Mancomunidade Intermunicipal da Ribeira Sacra (xunto con Parada de Sil, A Teixeira, Castro Caldelas, Montederramo, Xunqueira de Espadanedo, Maceda, Esgos, Nogueira de Ramuín e A Peroxa).

O alcalde do Pereiro, Luis Menor, celebrou esta decisión, que calificou como “unha volta á casa e unha satisfacción” e recordou que no concello estivo “unha das primeiras sedes da Mancomunidade, sita en Cachamuíña, na que aínda hai un monolito que acredita que O Pereiro era un territorio da Ribeira Sacra”. Menor fai fincapé en que “nunca estivemos de acordo coa expulsión do xeodestino” e subliña que “dende o ano 2019, este equipo de goberno solicitou, en repetidas ocasións, a inclusión nel, fundamentándonos na nosa ubicación xoegráfica e a tradicional pertenza a esta rexión”. “Non hai que esquecer que somos a porta natural de entrada á Ribeira Sacra”, matiza o rexedor.

“É un día moi feliz, incluso histórico, para moita xente que traballou neste proxecto dende o principio”, resalta Luis Menor, que valora do xeito “máis positivo posible” o reingreso do Pereiro. Sobre que aportará o municipio ao entorno turístico, o alcalde remarca que “para a Ribeira Sacra ourensá, que non ten unha gran vila como poden ser as de Monforte ou Chantada en Lugo, podemos aportar o noso dinamismo económico e poboacional”, xa que se converterá no concello máis poboado da parte ourensá.

Ademais, engade que O Pereiro pode aportar “moito patrimonio e figuras culturais, sobre todo na zona de Melias e Covas, que está intimamente ligado coa Ribeira Sacra”. Outra alternativa ao ocio máis habitual deste xeodestino “é o parque acuático que se está a construir en Monterrei”. “Hai que ter en conta que volvemos moito máis fortes do que marchamos: con máis poboación, máis actividade económica e volvemos con moita ilusión pero tamén con moita humildade e con ganas de aportar ao consorcio colectivo”, explica, ao tempo que subliña que “o binomio Pereiro-Ribeira Sacra pode ser moi importante para os dous”.

Te puede interesar