Pérez Bouza postúlase para encabezar a lista de Compromiso en Ourense

O voceiro de Compromiso por Galicia en Ourense, Xosé Manuel Pérez Bouza, anunciou onte a súa concorrencia á candidatura do partido pola provincia para as próximas eleccións do día 21 de outubro, sen descartar presentarse como candidato á presidencia da Xunta. No caso de resultar finalmente elixido como deputado no Parlamento de Galicia, o exsenador reafirmou tres compromisos coa cidadanía ourensá.
En primeiro lugar, asegurou que 'adicarei todo o meu tempo ó servizo da provincia, ó contrario que os 14 deputados de PP, PSOE e BNG', criticando deste xeito ó seu antigo partido político. Para as tres agrupacións tamén reservou críticas no eido salarial asegurando que, de chegar ó hemiciclo galego, pediría unha 'reducción dos soldos e que non haxa soldos trampa', en referencia ós pluses, lamentando que sexa unha situación 'consentida por PP, PSOE e BNG', aínda que defendeu 'salarios dignos' para os políticos.

Do mesmo xeito, amosou o seu rexeitamento a converter a política nunha profesión e prometeu que el non botaría máis de dúas lexislaturas, tempo 'suficiente se un traballa ben porque non podemos seguir mantendo a profesionais da política'.

Compromiso por Galicia manterá hoxe mesmo unha xuntanza en Compostela para 'especificar o camiño a seguir' que pasará por converter a entidade nun 'partido de afiliación única', tratando de evitar as confluencias que se produciron no propio BNG.

Xosé Manuel Pérez Bouza compareceu ante os medios de comunicación argumentando a súa candidatura para representar a Ourense nos comicios autonómicos. Ademais de porque llo pediron os seus compañeiros, porque 'creo' en CxG e porque 'considero que non é o momento de quedarmos quietos senón de dar a cara'.

Te puede interesar