POLÍTICA

Pérez Carral: "Non teremos liñas vermellas, nin con partidos nin con persoas"

Óscar Pérez Carral, na zona histórica da cidade (MARTIÑO PINAL).
photo_camera Óscar Pérez Carral, na zona histórica da cidade (MARTIÑO PINAL).

Tras algo máis de dez anos como militante do PSOE, Óscar Pérez Carral acompaña a Pachi Vázquez na súa aventura política no partido Espazo Común

Tras algo máis de dez anos como militante do PSOE, Óscar Pérez Carral (Ourense, 1974) acompaña a Pachi Vázquez na súa aventura política no partido Espazo Común. Faino como candidato á Alcaldía de Ourense, co que competirá co ata hai uns días era o seu secretario xeral, Rafael Rodríguez Villarino. A súa influencia no partido socialista foi un dos motivos que lle levou a emprender esta nova etapa.

Dá vértigo este reto?

Implica un certo vértigo porque te ves facendo algo que te fai saír da zona de confort, na que a acción política a levan outros e ti observas e padeces. Con todo, teño o sentimento de servizo público, a miña profesión ten que ver con iso e algo sabemos de xestión de recursos. Aquí convírtese en xestionar unha empresa moi grande, a vida dos cidadáns, o seu día a día. Iso dá vértigo, responsabilidade.

Estará máis exposto.

É ter gañas de facer política, levo moito tempo intentando facer política e neste partido se me está dando esa opción. Podo dicir que en dez días que levo aquí, estou facendo máis política que en dez anos no PSOE. Nunca crin que fora tan fácil resetearme.

Dese que xurdiu Espazo Común, dábase por feito este paso.

Inicialmente non. De feito intentámolo por todos os medios no PSOE, pero se onde estabamos non o vían, é lexítimo que busquemos outra opción. A ninguén se lle escapa que levábamos tempo aguantando pese a que estivesen falando dun, doutro e que ser pachista era pouco menos que un estigma. Aguantamos moito cunha única intención, buscar consenso.

É cuestión de persoas?

Non, pero teñen moito que dicir.

O secretario provincial?

É a cúpula provincial, a galega. Dende fai tempo, o PSOE non vai en bo rumbo. As persoas que teñen intención de facer cousas atópanse con que as direccións lle din outra cousa.

Eles din que querían tutelar.

Tutelar significa que tes que ter poder para facelo. Non se pode dicir que se foron 30 militantes e despois que eses tutelan a 600, é incoherente.

Preocúpalle que a xente véxalles como unha escisión cabreada?

Non só os pachistas abandonamos, hai moitos máis Non o vexo como unha escisión, é un punto e aparte. Non teño rencor nin nada parecido. Pero se te menoscaban, non facíamos nada aí. Seguimos sendo socialistas.

Votará nas xerais ó PSOE?

Non sei que vou facer aínda.

Como viviu a proposta de Barquero de situalo no tres da lista?

Non sorprendeu porque a xente sabe que desde que se articulou a nova executiva local queríamos consenso. Algo tivo que ver para contar con nós.

Había un pacto?

A política é un continuo pacto, o arte de dialogar. Ese é un dos grandes problemas desta dirección. Barquero entendeuno.

Que reto ten Espazo Común?

Enmárcase no centro esquerda, non somos extremo. Somos consenso e diálogo, hai que buscar cohesión, acordo. Cremos en Ourense, que ten un potencial enorme. No tempo que levamos, todo o mundo ten a mesma foto, un concello bloqueado.

Como médico que é, falaba de que Ourense está na UCI.

Véxoo mal, pero non de hoxe. Todo está fóra de punto, a ninguén se lles escapa a cantidade de subvencións perdidas.Temos moito que dicir, é sentido común, facer as cousas con orde. Un alcalde ten que ser un bo xestor, ten que pedir, negociar, mover proxectos. Non pode traer problemas, senón solucións.

Hai liñas vermellas para posibles pactos?

Non teremos con ninguén, nin con persoas nin con partidos, nacemos coa vocación de consenso, non de liñas vermellas nin de crispación, que é o que levamos tendo oito anos, especialmente os catro últimos.

Incluso pactaría co PP?

Si, e Democracia Ourensana, Ourense en Común, PSOE, BNG. Con calquera que o seu eixo teña que ver coa cidade, nunca seremos motivo de bloqueo. A política local non ten que ver cos macropartidos, ten que ver coas persoas. Para facer o noso programa, a xente traslada propostas, encauzámolas, a política é iso, non ó revés.

Pachi Vázquez falou dunha muller como candidata.

Si, a primeira opción non era Óscar Pérez Carral.

Moléstalle?

Para nada, eu estaba noutro partido, como ía ser opción. Fíxate as incoherencias que se dixeron. Cónstame que houbo conversas con varias mulleres, pero por algún motivo non saíron.

Fai falta aire fresco?

Ten que entrar outra xente a intentar resolver un problema que outros non foron capaces. Curiosamente moitos se volven postular, non sei se por estratexia ou por que. Algo hai que lles pode máis que o sentimento da cidade, o ego. O cidadán non está nesa tesitura, ten problemas coa maleza, a frecuencia de autobuses. 

Preocúpalle o efecto arrastre das eleccións xerais, ó non concorrer?

Non, ó contrario. Eu sempre trato de encontrarlle o positivo a calquera situación. E penso que a xente se dará conta de que todas as maquinarias destes partidos se van dedicar a outra cousa, non estarán pensando nin en Ourense. Bueno, algún nin en esta cidade, está cobrando doutra vila, imaxínate ata que punto chegamos.

Fala de Rafa Villarino.

É compatible cobrar duns cidadáns e estar coa cabeza noutros? A coherencia é moi importante. Pero bueno, mentres hai xente que vive da política, algúns non nos metemos niso, vimos aportar outra cousa. Esas incoherencias non as temos outros.

Cadra esa mensaxe nun partido con Pachi Vázquez, que leva toda a vida na política?

Pachi decidiu que a súa aposta é unha persoa nova, que nunca estivo nun escenario así, sen mochilas. Algo me vería para apostar por mín, algo teño que ter para ser o candidato, nada máis e nada menos, que na cidade de Ourense. Mira a do Ciudadanos, era o número dous do PP hai nada, algo terá que ver. O do PP xa vemos, o do PSOE igual. Coñécennos e a xente xulgará, eu veño aportar cohesión e coherencia, poñer ó cidadán no medio, opinando o cidadán de todo. 

Te puede interesar