ÁREA METROPOLITANA

A Peroxa e Amoeiro terán servizos de conciliación

<p></p>
photo_camera Participantes no servizo de conciliación de A Peroxa, o pasado curso.

En Pereiro de Aguiar e Barbadás ofrecen tamén os programas este curso

Os distintos concellos da área metropolitana teñen en marcha xa distintos servizos de conciliación de cara ao curso escolar que vén de iniciarse. Os últimos en chegar a estas aulas conciliadoras foron A Peroxa e agora Amoeiro, que tamén ofrecerá este servizo aos seus veciños.

A Peroxa repetirá o programa de conciliación para o alumnado implantado nos últimos dous meses de curso do ano pasado. Ao ser todo un "éxito", como cualificaron desde o Concello a iniciativa, non dubidaron en poñelo en marcha de cara a este curso, co obxectivo de "evitar que os pais leven aos fillos a estudar fóra deste municipio", como comentara o alcalde, Manuel Seoane.

O servizo de conciliación no CEIP Roberto Blanco Torres iniciouse onte mesmo, e desenvolverase tanto antes como despois da xornada escolar con actividades variadas e atención personalizada para os cativos dirixidas por persoal cualificado.

En Amoeiro, estrearán o servizo de acollida temperá ou aula matinal de 8,00 a 10,00 horas, e faranse tarefas de reforzo escolar polas tardes. Para informar diso, convocouse aos pais a unha xuntanza o vindeiro luns.

Por outra banda, Barbadás continuará dando o seu servizo "Bos días cole", Pereiro xa publicou a lista de admitidos na súa Aula Concilia de mañás e tardes, e outros concellos manteñen servizos de madrugadores en distintas escolas.

Te puede interesar