POLÍGONO SAN CIBRAO

'O Polígono nunca visto', produtos históricos e actuais fabricados en Ourense

A mostra reúne e exhibe a creatividade de 70 empresas expositoras punteiras, que promocionarán os seus produtos actuais e darán vida de novo aos seus produtos históricos

O Polígono de San Cibrao das Viñas continúa a celebrar os seus 50 anos de vida cun variado programa de actividades para os días 1 e 2 de abril en Expourense entre o que se atopa unha mostra inédita “O Polígono nunca visto” e unha exhibición de procesos produtivos “Así se fai”. O acto de presentación das actividades tivo lugar esta mañá na Asociación de Empresarios do Polígono de San Cibrao das Viñas, onde estivo presente o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar; a delegada da Xunta de Galicia en Ourense, Marisol Díaz Mouteira; o alcalde de San Cibrao das Viñas, Manuel Pedro Fernández; e o presidente da Asociación de Empresarios do Polígono de San Cibrao, Elías Mera.

Durante a presentación Manuel Baltar destacou a importancia que ten nestes tempos a “cooperación público-privada” e sinalou que “o Polígono ten un apoio institucional clave e, non podería ser de outra maneira, porque estamos a falar dun motor económico como ningún, non só na provincia senón de Galicia”. E engadiu, “eses 50 anos que se conmemoran contaron como calquera outro evento ou proxecto que presente a Asociación de Empresarios do Polígono de San Cibrao, coa Deputación como aliada. O goberno provincial ten que estar aí non só pola traxectoria destes anos senón tamén pola visión e futuro que se albisca importante”.

O presidente da Deputación de Ourense sinalou que “a dinamización económica é hoxe en día unha asignatura vital” e nesa liña asegurou que “dende o goberno provincial aprobamos o Plan Transforma Ourense xa fai tres anos que deu os seus froitos, un deles o acordo con Abanca para poñer a disposición dos emprendedores, autónomos, familias e corporacións locais da provincia, neste ano 2016, 37 millóns de euros.

Manuel Baltar destacou proxectos que a Deputación de Ourense está a levar a cabo en materia de apoio á internacionalización como son as Bolsas Ourense Líder ou a misión comercial dos Estados Unidos, trátase de “xerar economía, riqueza, manter e crear emprego, e esas son as liñas mestras do comportamento deste Polígono empresarial durante estes 50 anos”, afirmou o presidente da Deputación de Ourense.

“Non se pode escribir a historia de Ourense sen a historia do Polígono e, a esa historia do Polígono, estamos convidados o día 1 e 2 de abril, con esa exposición “O Polígono nunca visto” que é unha chamada a participar e a darnos conta do moito que o Polígono ten aportado á constitución da “Marca Ourense”, desa imaxe de Ourense que queremos apoiar e trasladar dende as Institucións”, asegurou o presidente da Deputación de Ourense.

“O Polígono nunca visto”, reúne e exhibe a creatividade de 70 empresas expositoras punteiras, que promocionarán os seus produtos actuais e darán vida de novo aos seus produtos históricos. Nos diferentes stands estarán representados sectores tan característicos do Polígono como a madeira, o conxelado, a automoción, a aeronáutica, os transportes, o medio ambiente, a alimentación e a enxeñería, entre outros. Todos os expositores teñen como nexo común fixar a súa sede no parque empresarial pioneiro en Galicia. Asemade, o fondo documental de numerosas empresas e da propia Asociación de Empresarios ambientará as actividades previstas para os dous días de programa con exposición de fotos e libros de contabilidade dos primeiros anos, entre outros.

En canto a actividade “Así se fai” transformará a Expourense nunha diversificada fábrica de produtos ourensáns que aínda son grandes descoñecidos para unha maioría de ourensáns. Por medio de demostracións en directo, o público asistirá á fabricación de pezas para avións ou de compoñente para a automoción, á transformación dunha carrozaría nun vehículo especial, á elaboración de alimentos, e incluso á recuperación do mítico “Alpinche” de Estanislao Reverter.

Ademais destas actividades, a programación para o día 1 de abril inclúe encontros “Speed Networking”, sesións rápidas de intercambio empresarial, nas que intervirán representantes dunhas 250 empresas procedentes de toda Galicia e do norte de Portugal. Tamén terá lugar unha mesa redonda que baixo o título “A Universidade de Vigo e o Polígono de San Cibrao” abordará asuntos como: as profesións máis demandadas na provincia, os perfís máis buscados polas empresas que contan con departamentos I+D+i, a  visión laboral dende a vertente da oferta e da demanda, dirixidos estes relatorios á orientación laboral, a transferencia do coñecemento e a conexión entre plans de estudo e necesidades reais das empresas ourensás. A esta actividade poderán asistir estudantes e público en xeral.

A programación prevista para o 2 de abril, ademais de “Así se fai”, abrangue tres foros, un sobre emprego, outro sobre prevención de riscos laborais, e un terceiro sobre emprendemento.

Durante a presentación o presidente da Asociación de Empresarios de San Cibrao destacou “o enorme esforzo organizativo, froito de múltiples colaboracións e axudas, para reunir por primeira vez na historia de Ourense unha feira no sectorial de empresas ourensás e, particularmente, de centros produtivos que teñen a súa sede neste Polígono”.

Te puede interesar