Polo San Martiño, castañas e viño!

photo_camera El día de San Martiño permitió que muchos ourensanos disfrutaran hoy de una intensa jornada de magostos. Las castañas no faltaron en ningún punto de la provincia para completar un menú muy otoñal.

Este San Martiño é un dos máis esperados en Ourense, xa que, o ano pasado, coas restricións pola pandemia, non se puideron celebrar os tradicionais magostos, unha das festas máis típicas da cidade e estendidas ao longo e ancho de toda a provincia.

Por San Martiño faise o magosto con castañas asadas e viño ou mosto, di o refrán, e Ourense nunca perde a cita coas castañas, o lume e o viño novo e a troula típica das festas polo patrón da cidade.

As celebracións comezaron ás 11,30 horas, coa celebración da misa na honra de San Martiño, oficiada polo bispo, Leonardo Lemos, e que contou coa presenza de distintas autoridades políticas. Tan só media hora despois, ás 12,00 horas, gaiteiros e cabezudos animaron as rúas da cidade polas avenidas máis céntricas. Ademais, durante a mañá tamén se celebraron funcións infantís da man de “Magín Blanco e a banda das apertas”, que realizaron tres sesións (12,00; 17,00 e 19,00) no parque contiguo á Ponte Romana. Nos mesmos tres horarios realizáronse tamén  os espectáculos “Saaabor”, a cargo de  Culturactiva no Xardín do Posío; “Ou  Afiador”, co Mago Teto no Parque do Barbaña; e “Historias con susto para  durmir a gusto”, na praza  Bispo Cesáreo.

 

Tamén houbo quen se animou a subir a Montealegre, onde non faltaron o churrasco, os chourizos, o pan e o viño. Os magostos estendéronse por tódolos barrios da cidade, como por exemplo en Oira, onde a asociación de veciños organizou o seu tradicional magosto popular ao carón das piscinas. Tamén en Santa Mariña ou nas Curuxeiras, os veciños xuntáronse ao carón das brasas e das parrillas para degustar o tradicional menú destas festas: churrasco, chourizo e castañas.

Pola súa banda, en Ponte Noalla (San Cibrao) decidiron mudar o churrasco por outro plato non menos tradicional, pero menos recoñecido cos magostos como é a carne ao caldeiro con cachelos. Iso si, as castañas e o viño tamén estiveron moi presentes na carpa da festa popular.

Chegadas as 18,00 horas, seis castañeiras situadas no Paseo, Lamas Carvajal e a Praza Maior repartiron estes froitos secos de balde para todo aquel que quixera unha presa. Esta iniciativa fixo que moitos ourensáns formasen ringleiras esperando o seu turno e ata rematar  coas existencias de castañas antes do peche ás 22,00 horas.

Como colofón neste sinalado día marcado pola festividade de San Martiño, 500 espectadores puideron asistir ao concerto da orquestra París de Noia na avenida Pardo de Cela, ao carón do pavillón dos Remedios, unha actuación gratuíta e que completou o aforo.

 

A provincia esperaba con moitas ganas estas festas que o ano pasado non puido celebrar por mor das restriccións pola pandemia. Así, espérase que a celebración de magostos -tanto populares coma privados- continúe durante toda a ponte festiva, concentrándose especialmente na xornada do sábado, xuntándose amigos e familiares a carón das brasas e das castañas para celebrar unha das festas máis típicas e esperadas en toda a provincia.

Te puede interesar