Portavoces do Concello Ourense analizarán no luns medidas de transparencia

O alcalde de Ourense, Agustín Fernández (PSOE) anunciou nesta mañá a convocatoria para o próximo luns día 14 da xunta de portavoces en que 'analizaremos o código ético de uso' das asignacións aos grupos municipais 'para que non se suscite ningunha dúbida' alén de debater 'esas medidas de transparencia que temos que incorporar'.
'Fixaremos cales son os actos impropios e a partir de aí actuaremos todos os grupos municipais', sinalou o rexedor.

Por tanto, unha vez tomadas tales decisións, eses gastos 'terán que reintegrarse ao grupo municipal' e 'se hai un gasto impropio reintegrarase ao grupo para destinar aos gastos que sexan pertinentes'.

Con respecto á petición do BNG sobre responsabilidades políticas dentro do grupo de goberno, Fernández mantivo que 'ten que ser o propio grupo de goberno e as altas instancias do partido as que fixen as esixencias de responsabilidades'.

No vindeiro luns tamén se realizará a asemblea local do partido onde 'serán debatidas as cuestións que interesan ao partido, os militantes do partido socialista van achegar o que eles estimaren conveniente no referente a responsabilidades, os gastos e a vida do partido en xeral'.

O alcalde tamén respondeu perante a opinión do presidente do PP en Ourense e da Deputación, Manuel Baltar sobre a 'sinatura de acta de defunción política' por parte do BNG ao brindar o seu apoio ao rexedor.

'O BNG apoiou este grupo de goberno cos seus criterios igual que o PP adoptou a súa postura intransixente de sempre, despectiva e impropia dun portavoz da oposición' mantivo Fernández a respecto diso.

Perante as preguntas dos xornalistas, incidiu no relacionado ao préstamo de 21.000 euros facilitado a un funcionario con cargo aos fondos do grupo. 'O préstamo está a súa xustificación a disposición dos portavoces ou de calquera membro do grupo municipal, os xustificantes de entrega, devolución, a súa concesión que foi un préstamo verbal, e as súas características'.

Alén diso, 'a propia persoa está a disposición dos portavoces para dar as explicacións que considere oportunas'.

'O que estime que ten que tomar outras medidas que as tome, xa se xustificará', afirmou en relación á intención do PP de estudar as posíbeis medidas que haberá que tomar sobre este tema.

Por outro lado, a edil Susana Bayo (PSOE), que era apuntada como parte do suposto grupo que non apoia a Fernández, desmentiu que ela fixese ningunha filtración sobre os gastos.

Mostrou a súa satisfacción por 'nos desculpar' e subscribiu as palabras do portavoz, José Ángel Vázquez Barquero, quen durante o pleno extraordinario de onte recalcou o apoio unánime do grupo e o partido ao alcalde.

Tampouco está entre as ideas de Bayo deixar o Goberno e si que reafirmou que volvería solicitar no rexistro as contas do grupo.

Noutra orde de cousas, Agustín Fernández referiuse á situación da concelleira non electa, Carmen Rodríguez. 'No momento en que for publicada a sentenza do Constitucional non formará parte deste goberno' aínda que 'na miña opinión é un persoa que forma parte do goberno que me gustaría que continuase formando parte, mais temos que analizar as posibilidades legais e regulamentarias para levalas a cabo'.

Do mesmo modo, explicou que as súas competencias pasarán a depender do alcalde até que determine que concelleiro se fará cargo.

Te puede interesar