Baltar: "O PP ourensán demostra que pode aspirar a todo"

O presidente reelixido, Manuel Baltar, apunta ás vindeiras municipais do 2019 co obxectivo de mellorar os resultados do pasado ano e manter ao PP ourensán como un dos máis apoiados de toda España.
 

Garantida a súa folla de ruta para os vindeiros tres anos, o PP provincial ponse mans á obra e comeza a traballar en clave futuro.

Que retos lle quedan pendentes ao PP de Ourense?

Ata que non teñamos o cen por cen do apoio dos ourensáns, temos marxe de mellora. Esa ten que ser a actitude, mentres outros seica confórmanse cun 15% ou 20%. O partido en Ourense demostrou que pode aspirar a todo, é dicir, gobernar en todas partes. Estámolo a facer nun goberno provincial, contribuíndo a un autonómico e tamén a un nacional, e hai unha serie de concellos polos que temos que seguir loitando; iso é traballo e futuro. Penso que neste congreso puxemos un punto de partida importantísimo.
 

E cales lle quedan a vostede coma político?

O principal reto é manter o instinto político. Tamén ese 4,34% de apoios restante, que neste momento é a miña motivación fundamental. Neste tempo, a marca de equipo e a delegación de responsabilidades convertéronse nunha constante asumida neste partido, e o que aínda falta deberíao dicir o resto de persoas que me coñece.

Foi moito o traballo tras ese 95,66% de apoios?

Houbo moito tempo adicado a Ourense e ao partido, estando en todas partes. O PP non está só na cidade de Ourense, que aporta un 20% do apoio electoral, polo que o 80% restante está nos outros 91 concellos. Temos 92 equipos locais moi potentes e unha fortísima implantación no territorio. Estes seis anos foron, segundo din, os peores para a política e as finanzas públicas, e a pesar diso, levar a dianteira, estar á vangarda e ser a referencia lévame a amosar un sentimento de gratitude tremendo cara o partido e cara aqueles que a todas horas teñen un compromiso co PP e sobre todo coa provincia. Antes de ser popular, eu son ourensán, e se milito neste partido é porque creo que é a formación política que máis pode facer polo futuro de Ourense, e así o estamos a amosar.

Que destacaría como o máis importante desta nova etapa?

O importante é ter presente que somos unha provincia traballadora, creativa e emigrante. En todas as miñas intervencións a palabra 'emigración' está aí, xa que penso que é o ADN desta formación: todos somos emigrantes. O importante non é o número, eu presentei 16 propostas de traballo pola coincidencia do ano no que estamos, pero seguramente nestes tres anos fagamos 61 actuacións, invertindo as cifras, que nos seguirán situando á cabeza nun escenario perfectamente acto para a innovación, coma o político. Apostamos por un liderado forte, e posiblemente se preguntamos quen é o líder provincial do PSdeG, do BNG ou de Cidadáns, a resposta no 95% dos casos será un "non sabe/non contesta".

Ten xa en mente o futuro do PP ourensán para o período 2019-2023?

Coido que si. Un político que non pensa nesa clave debe apartarse. O tempo ten que facer a súa función, pero vexo un PP 19-23 que terá consolidadas novas vitorias electorais en todos os escenarios e vexo xente que terá que incorporarse para insuflar esa savia nova que todo proxecto político debe proxectar. Esa é a función fundamental do que ten unha planificación e si, esta nova etapa está estudada, e iso é unha vantaxe e un plus desta formación que non teñen outras.

Pretende estar vostede aos mandos nesta etapa futura?

Eu véxome con forza suficiente. Estamos a falar do período 2019-2023 con absoluta normalidade porque teño un equipo perfectamente capaz, que interioriza a defensa de Ourense en contra das súas características, que é incansable, que coñece a realidade política de cada un dos concellos. Estes tres anos vindeiros servirán para puír este funcionamento e ser aínda mellores. Eu teño moitísima máis ilusión e ganas que hai seis anos, e agora teño a vantaxe da traxectoria e a experiencia gobernando unha Deputación caracterizada por esa visión.

Te puede interesar