O PP de Ourense pide que se supriman os 'gastos impropios' derivados das actividades culturais en Ourense

Denuncia facturas 'de máis de 10.000 euros' por servizos de 'salón de peiteado e maquillaxe' dunha empresa de Teo (A Coruña)
O voceiro municipal do PP de Ourense, Rosendo Fernández, e a edila Belén Iglesias presentaron a moción que levarán ao pleno do venres na que piden que se supriman 'gastos impropios' derivados das actividades culturais en Ourense.

Nun comunicado, os populares destacaron que existen gastos 'tan sorprendentes' como facturas 'de máis de 10.000 euros' por servizos 'de salón de peiteado e maquillaxe' dunha empresa de Teo (A Coruña).

Así as cousas, chamaron a suprimir este tipo de gastos, que consideran 'unha dilapidación' e na súa proposta de acordo demandan que a organización e coordinación de actividades culturais desenvolvidas polo propio Concello 'se xestionen cos recursos humanos municipais existentes'.

NOVA ORGANIZACIÓN NA CIDADE
Por outra banda, a sede provincial do PP de Ourense acolleu esta tarde unha reunión entre os presidentes dos cinco distritos da cidade e o presidente provincial, Manuel Baltar, á que tamén acudiu Rosendo Fernández.

Baltar sinalou que este encontro ratificou a necesidade de reorganizar os cinco distritos nos que o PP de Ourense delimita a cidade, co fin de alcanzar 'unha maior e máis efectiva proximidade' aos veciños.

Os presidentes de distrito presentaron as súas propostas, que agora analizará o partido e que as trasladará ao órgano competente a nova organización dos distritos da cidade.

Te puede interesar