FESTA DOS MAIOS

As meigas de Cudeiro herdan o maio

Tres mulleres feiticeiras en forma de maio acapararon as fotografías dos miles de ourensáns que se achegaron a esta festa enxebre na rúa do Paseo de Ourense e que este ano destacou pola alta participación dos máis cativos

As tres meigas feiticeiras de Cudeiro levaron os selfies e o premio grande dos Maios, nunha festa que saudou á primavera e os miles de ourensáns que se achegaron á rúa do Paseo para admirar a beleza destas construcións engaladadas de natureza e escoitar aquilo de: "Cómprame unha copla?", da voz dos herdeiros desta tradición popular. 

O sorriso faise notar dende primeira hora nos "Ratos de biblioteca", os amigos que se xuntaron para unha charanga no seu tempo e que agora gañan os premios dos maios artísticos. O ano pasado, a súa creación "A vaquiña polo que vale", xa levara o primeiro premio.

"As meigas feiticeiras" tómanlle o relevo este ano. "É unha alegoría a unha cousa tan típica galega como estas mulleres facendo unha pócima. Pero para cada un, que signifique o que queira. Unha señora dixo: 'Anda, unhas vellas facendo caldo!'. Pois tamén, tamén nos vale. O importante é que o maio guste", comentaba onte Emilio Varela, un dos "Ratos de biblioteca".

Aprecia que se vexa cada vez máis xente nova nesta festa tan enxebre: "Estou contento. Hai que inculcarlles ás novas xeracións que as nosas tradicións, as nosas, non se perdan", di o artista. 

Exemplo deses herdeiros da tradición, os nenos de "Porque me peta!", a iniciativa dun grupo de nais para homenaxear ás crianzas que falan en galego. Coidando o seu maio con auga, un bambán tinguido de verde, e lendo as súas copliñas, mostráronse encantados coa festa da primavera.

Para Álex Rodríguez, brasileiro de Bentraces, é a primeira vez. "Fixen unha rianxeira que vai a Ourense a vender e volve co cesto vacío", conta. Xa ten o espírito da festa no corpo para repetir o ano que vén, igual que José Antonio Suárez, da residencia San Xosé, que vixía o seu "apeiro de labranza", un maio feito "por toda a residencia", conta. 

As Burgas e a Ponte Romana tamén se moveron por un día ata a rúa do Paseo, para erguerse en forma de maio e sumar a esta celebración que cada ano esperta a creatividade dos ourensáns, motor dos 40 maios deste ano que herdaron o saúdo a primavera máis ancestral dos ourensáns.


Os Maios premiados


O xurado, formado pola antropóloha Ledicia González Mosquera, a gañadora das mellores coplas de 2017, Celtia Mouro; o lexicógrafo Isaac Alonso Estravís e a funcionaria da Concellería de Cultura, Rosa Lidia Varela, entregou os premios nunha edición da que destacan "a alta implicación dos cativos" e a "recomendación" de ampliar os premios infantís. 

Os gañadores dos maios foron: Óscar González, con "As Meigas feiticeiras", premio ao maio artístico; A Galleira, con "O maio en pé", mellor maio enxebre; a Marcha Mundial das Mulleres, con "Loita feiminista", mellor maio creativo; e "Maio Vistahermosa", do colexio co mesmo nome, o mellor na categoría infantil.  Aí vén o Maio!, escóitase dende o 2019. 

Te puede interesar