Ourense

Ourense aspira á creación dunha Casa da Lusofonía

Ourense

Ourense aspira á creación dunha Casa da Lusofonía

Reunión virtual de Baltar cos membros da Casa da Lusofonía.
photo_camera Reunión virtual de Baltar cos membros da Casa da Lusofonía.
O obxectivo deste proxecto é fomentar a relación e cooperación de Ourense co país luso

Ourense da un paso adiante para a creación dunha Casa da Lusofonía. O presidente da Deputación provincial, Manuel Baltar, propuxo a firma dun convenio para esta iniciativa ao presidente da Associaçao impulsora da Casa da Lusofonía, Daniel Lago e ao secretario xeral da mesma, Xosé Carlos Morell. Na videoconferencia participou tamén o consultor Juan Carlos Piñeiro. 

Antecedentes históricos

"O obxectivo entra de cheo coa Galicia que defendemos desde a Deputación e cos evidentes vencellos coa lingua portuguesa", sinalou Baltar. A Casa da Lusofonía pretende artellarse tendo en conta precedentes como a Casa de América en Madrid, a Casa Asia en Barcelona, a Casa África en As Palmas ou a Casa Árabe en Córdoba. Neste senso, o goberno provincial ponse a disposición da Associaçao e transmítelles aos responsables a "fortaleza" da Deputación para crear en Ourense unha sede da lusofonía. Os participantes da reunión telemática foron máis alá, engandindo a posibilidade de que esta Casa da Lusofonía "deberá contar con adhesións e procedementos tanto nacionais como internacionais para a súa materialización". 

Baltar expón antecedentes históricos para xustificar a importancia dunha Casa da Lusofonía na provincia. "Ourense foi parte importante da Gallaecia, as nosas relacións con Portugal son innegables e seguimos dando pasos importantes como a entrada no Eixo Atlántico", indicou. 

A proposta, din dende a Deputación, "fala de cooperación, de entidade e de estratexia xeopolítica, un escenario onde cobra especial relevancia a Comunidade dos Países de Lingua Portuguesa, creada en 1996. "O portugués é idioma de traballo de vinte organizacións internacionais", reivindica Baltar.