A provincia viviu unha xornada de cultura e lecer

As principais vilas como Carballiño, Allariz, Ribadavia, Xinzo ou Trives sumáronse á festa

A provincia celebrou a festa das Letras Galegas con diversos actos culturais. En Allariz, con Xosé Carlos Caneiro e Emilio Rúa ofrecendo unha actuación que levou por título “Cantos, contos e pedraviva”, que congregou a moitos asistentes, deixando a algunhas persoas ás portas do recinto; e para o público infantil reservouse a actuación de Luis Vallecillo no Campo dos Brancos.

Sen saír da comarca, Maceda tamén se sumou ao día grande do idioma galego cunha lectura de poemas de Florencio Delgado Gurriarán e música en directo da Escola Municipal de Música.

Na vila limiá os actos concentráronse na Praza Maior, onde as librerías ofreceron ao longo do día descontos de ata o 10 por cento nos libros escritos en galego e Rafael Laso presentou o seu, “A revolta da Lagoa”. No acto tamén se fixo entrega dos premios do Concurso literario de Narrativa Curta Carlos Casares.

No Carballiño, inauguráronse murais de Gurriarán e Rosalía de Castro en fachadas de edificios e contouse coa actuación de alumnos do Conservatorio de Música. En Ribadavia, animou as rúas o grupo de baile e música tradicional Sadeo; tamén houbo lectura de textos; espectáculo do Mago Teto e teatro infantil: “Salvemos o Planeta” pola Asociación Anaquiños de Francelos. As librerías tamén dispuxeron de descontos.

E en Trives, a banda de gaitas Os Trintas amenizou a xornada polas rúas en nas principais prazas.

Te puede interesar