DEPUTACIÓN

O PSdeG considera 'unha broma de mal gusto' o código ético de Baltar

O grupo provincial do PSdeG de Ourense considerou "unha broma de mal gusto" o código ético da Deputación de Ourense e asegurou que as boas condutas se teñen que demostrar cada día e non sobre un "papel mollado".

A viceportavoz socialista Elvira Lama cualificou esta proposta de Baltar nun comunicado como "máis propia do día dos Santos Inocentes que do final do Entroido".

"A ética, as boas condutas e a transparencia téñense no día a día", aclarou a dirixente socialista, quen subliñou que as condutas que houbo até agora "nin foron éticas, nin transparentes".

Para Lama, o código é "unha pantomima" e "fai falta ser moi atrevido, para que un dos membros da saga Baltar pretenda dar clases de ética e de boa conduta nesta provincia".

A viceportavoz provincial socialista apuntou tamén que Baltar Blanco está "totalmente inhabilitado" para falar de ética e lembrou que entrou "colocado" polo pai, José Luis Baltar.

Así, pregúntase "onde estaba este novo adaíl da ética" cando lle pediamos que acudise á Xustiza para facilitar toda a información relativa á investigación aberta por fraude de fondos europeos.

A portavoz pide no escrito ao presidente da Deputación que, en vez de escribir algo obvio, "retire da xestión de goberno todos aqueles deputados sobre os que existen dúbidas da súa conduta".

Entre eles, citou os alcaldes de Barbadás, O Carballiño, Baltar, Xinzo de Limia, Chandrexa de Queixa, "casos -resaltou- que o Grupo Provincial Socialista denunciou até a saciedade", concluíu Lama.

Te puede interesar