O PSOE esíxelle á Xunta dous novos centros de saúde

Carmen Dacosta e Natalia González, onte.
photo_camera Carmen Dacosta e Natalia González, onte.

O PSOE de Ourense reclamará á Xunta a construción de dous centros de saúde na cidade e que se retomen os proxectos do Ecobarrio e o hotel balneario nas emendas aos Orzamentos autonómicos. 

 Os socialistas esixen  un centro de saúde no barrio do Vinteún e outro en Mariñamansa. “Nos orzamentos de 2022 aparecía unha partida para este último pero pola cantidade destinada semellaba evidente que non sairía adiante, pero nestes xa nin se contemplou”, lamentou a deputada Carmen Rodríguez Dacosta, que cualificou os orzamentos de 2024 como un “déjà vu” de contas anteriores. “Son continuístas e totalmente carentes de ambición, cando nesta cidade necesitabamos unha discriminación positiva para sacala da parálise na que está sumida, como todas as do interior”, sinalou.

Ecobarrio e termalismo

Sobre o Ecobarrio afirmaron que se solicita unha contía de dous millóns de euros. “Queremos que se retome este proxecto, como levamos pedindo os últimos meses, e que deixen de pasarse a pelota entre o Concello de Ourense e a Xunta de Galicia para ver quen ten a culpa”, indicou Natalia González Benéitez, voceira do PSOE no Concello.

 Co obxectivo de potenciar o termalismo na cidade e de que se elabore un plan específico para ela, os socialistas esixen outros dous millóns de euros. “Só Budapest supera o noso caudal e calidade destas augas minerais e non podemos permitirnos mirar cara outro lado”, argumentou a deputada no Hórreo.

“Esperamos que o Partido Popular acepte as nosas propostas polo ben dos cidadáns”, rematou a edil no Concello de Ourense, quen engadiu que tamén se presentan emendas para infraestruturas, transporte metropolitano ou educación.

Te puede interesar