O PSOE de Ourense defende a "renovación total das listas"

Dibujo
photo_camera O presidente da Comisión Executiva Provincial do PSOE de Ourense e alcalde do Barco, Alfredo García.

"Entendo o balbordo, pero é unha cousa que dentro do partido se veu falando dende hai bastante tempo", o presidente da Comisión Executiva Provincial do PSOE, Alfredo García

O presidente da Comisión Executiva Provincial do PSOE de Ourense e alcalde do Barco, Alfredo García, defendeu este sábado a "renovación total das listas" de cara ás eleccións xerais do 20 de decembro porque "cando fas cambios cho agradecen apostando por ti".

Así manifestouno, tras as críticas de deputada ourensana Laura Seara ante a decisión que esta tildou de "unilateral" do secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, de apartala como número un da lista do PSOE por Ourense ao Congreso para meter a un independente. "A cada un tócalle vivir o cambio que lle toca vivir", apostilou García.

"Entendo o balbordo, pero é unha cousa que dentro do partido se veu falando dende hai bastante tempo", sostivo para reivindicar a súa aposta por "facer unha renovación total das listas porque é o que demandan os cidadáns".

Neste sentido, defendeu que "o importante é o cidad" fronte aos militantes, porque os socialistas aspiran a "sacar entre 30.000 e 40.000 votos nas eleccións na provincia de Ourense" e "os (militantes) que votaron (as candidaturas) foron 600". "Se se acertou ou non, vano dicir os cidadáns", considerou en relación ao cambio nas listas.

"XENTE NOVA E RENOVADA"

Tras recordar que como alcalde de O Barco se presentou en cinco eleccións, en catro das cales obtivo a maioría absoluta, defendeu a renovación como fixo el nas locais, nas que de dez integrantes na súa lista "seis eran persoas novas". "Cando fas cambios cho agradecen apostando por ti", abundou.

Así mesmo, sinalou, preguntado polo cambio de Seara como cabeza de lista por Ourense, que "a cada un lle toca vivir o cambio que lle toca vivir". Nesta liña, apostilou que "hai que dedicar un tempo da vida ao público". "Levo 16 anos de alcalde e cando vexa que hai demasiada división retirareime da política", sentenciou.

O rexedor do Barco subliñou que a "clave é abrir o partido á sociedade" que, segundo engadiu, "demanda outra forma de facer as cousas".

Por iso, reiterou a súa aposta e a do PSOE por "xente nova e renovada" nas listas para as xerais do 20 de decembro. "Besteiro e Pedro Sánchez demostraron ter claro este principio", concluíu.

Te puede interesar