O PSdG-PSOE de Ourense pide que non se privatice a recollida de lixo

Diego Fernández, Susana Rodríguez, Álvaro Vila, Nacho Gómez e Elvira Lama.
photo_camera Diego Fernández, Susana Rodríguez, Álvaro Vila, Nacho Gómez e Elvira Lama.
Os socialistas levan á Deputación unha moción para manter este servizo público nos concellos

O PSdeG-PSOE de Ourense quere introducir melloras no servizo de recollida de lixo que presta a Deputación. Para iso deu a coñecer unha proposta en forma de moción para que se debata no vindeiro pleno da institución. Piden os socialistas garantir o mantemento do carácter público do servizo de recollida e tratamento de residuos que presta o organismo.

Álvaro Vila, portavoz socialista na Deputación, explicou o motivo da iniciativa: “Somos contrarios á conversión deste servizo público nun negocio privado a través da súa adxudicación a unha sociedade mercantil, que significaría o empeoramento do servizo, deterioro das condicións dos traballadores e encarecemento da prestación”.

Vila: “Impulsamos a aprobación dun plan único para o financiamento dos concellos de menos de 20.000 habitantes”

Segundo o PSOE, ata 74 concellos e máis de 200.000 veciños dependen do servizo de recollida e transferencia de lixo en réxime de competencia delegada. Da recollida selectiva de envases lixeiros nunha vintena de concellos ocúpase a Deputación de Ourense, asumindo o servizo de Punto Limpo en sesenta e catro concellos, segundo os socialistas.

Defenden o modelo de xestión directa fronte á súa privatización

Co voto favorable de PP, DO e unha deputada non adscrita, en decembro de 2021 aprobouse o cambio do modo de xestión do servizo, “esgrimindo unicamente eminentemente criterios políticos, que non implican ningún beneficio para veciñanza e traballadores, nin en termos de eficacia, eficiencia e sustentabilidade económica. Defendemos que o modelo máis acaído co interese xeral é o de xestión directa á luz das súas avantaxes probadas en termos de eficacia e beneficios sociais e medioambientais”, destacou Vila.

Os socialistas instan ao goberno do PP a un “compromiso categórico” e defenden que “é fundamental reforzar este servizo a través dun pulo público e non a través da imposición dun carácter mercantil, con ánimo de lucro, menos transparente, menos sostible e nada participativo”. 

O portavoz Álvaro Vila ensalzou os logros do seu grupo, destacando a inclusión de “absolutamente todos os concellos” na modificación orzamentaria do pasado mes de outubro, “que na proposta orixinal realizada polo presidente da Deputación excluía ata once municipios, que casualmente eran, de xeito maioritario, do PSdeG-PSOE e do BNG”.

Te puede interesar