A Casa da Raña, na parroquia de Orbán de Vilamarín, acollerá este sábado unha xornada cultural para todos os gustos. Música, obradoiros, proxeccións e poesía daranse cita nos III Encontros Culturais. Queco Díaz é o portavoz da asociación "Vivir Vilamarín", a organizadora desta romería atípica
Cando nace “Vivir Vilamarín"?
Empezamos fai catro anos co obxectivo de desenrolar un proxecto dinamizador e educativo no rural, concretamente en Vilamarín. Actualmente só realizamos os encontros culturais en verán, pero estamos preparando outros proxectos de etnografía que agardamos presentarvos proximamante.
A financiación para esta edición realizouse a través dun “crowfunding".
Sí, é a primeira vez que o facemos. Non esperabamos acadar o 147% do total que precisabamos. Eu son o máis sorprendido, a verdade, e quere dicir que a iniciativa vai moi ben e que a xente está comprometida con ela. O primeiro ano recibimos unha subvención, pero logo tivemos que buscarnos a vida de distintas formas, é un pouco complicado ao ser unha proposta totalmente autoxestionada.
Que trae a xornada de mañá?
De todo! Hai varias actuacións musicais durante todo o día de diverso tipo: grupos africanos, de folk ou experimentais, entre outros. Ademais, teremos proxeccións de curtametraxes, sobre todo vencellados á muller e ao seu papel no rural. Por outro lado, haberá un "poetry slam", que é unha competición entre poetas na que o público escolle por votación ao gañador.
E os máis pequenos, que atoparán na Casa da Raña?
Dende obradoiros de baile tradicional ata contacontos ou xogos populares como chave, billarda ou bolos celtas.
Pódese dicir que é unha proposta para toda a familia.
Efectivamente. Hai actividades para os nenos, pero tamén para as persoas maiores, como o torneo de brisca. É unha xornada interxeneracional, e na que participan tanto persoas da cidade coma do rural.
Convida a algunha actividade en particular?
Eu creo que os concertos da noite van a estar moi ben, co grupo de mulleres de Cabo Verde Batuko Tabanka, Gãrgoola, de Portugal e Alberto Mvundi, que é un músico angoleño.