Sinala que é preciso reconducir os presupostos e que os negociarán con ‘espíritu constructivo’

Quintana advirte que ‘se mañá tiveramos que votar os orzamentos de Zapatero, sería non’

Quintana saúda ós militantes do BNG, acompañado de García e Jorquera.  (Foto: José Paz )
’Se mañá tivesemos que votar os presupostos de Zapatero, votariamos que non’. O voceiro nacional do BNG, Anxo Quintana, sinalou onte, na apertura do curso político en Allariz, que é preciso reconducir os orzamentos e que cumpran os compromisos con Galicia. Neste sentido, o coordinador da executiva, Francisco Jorquera, engadiu que será preciso un aumento ‘significativo’ do gasto, porque co 8% non chega. Quintana tamén anunciou a urxente aplicación do complemento autonómico das pensións baixas.
A negociación dos orzamentos do Estado para 2009 e a aplicación de medidas para paliar a crise económica constitúen as prioridades nas que centra os seus esforzos o BNG no novo curso político, que abriu onte o voceiro nacional do partido, Anxo Quintana, en Allariz, acompañado do coordinador da executiva, Francisco Jorquera.

Os dous insistiron en que o BNG é o único partido que pode ‘garantir’ que os orzamentos estatais para 2008 sexan bos para Galicia, pero ‘que ninguén pense que o PSOE xa ten garantido o apoio do BNG’, apuntou Jorquera. De feito, ‘se mañá tiveramos que votar os presupostos de Zapatero, votariamos que non’, advertiu Quintana, porque ‘hai que reconducilos’. Por iso, apelou o presidente do Goberno central para empezar por negociar as cuestións ‘nas que todos estamos de acordo’, como a transferencia de competencias de Tráfico, o voto emigrante ou a financiación autonómica. ‘A partir de aí, os orzamentos serán negociados con espíritu constructivo’, señalou Quintana, engadindo que non terán ‘unha posición partidista, porque a min nin Rajoy nin Zapatero me dan ordes para votar a favor ou en contra’.

Condicións

Jorquera apuntou tamén que o apoio ós orzamentos estará condicionado ‘a un incremento significativo do gasto bruto’ (porque o 8% non será suficiente especialmente se os orzamentos son austeros pola crise), un plan de investimentos plurianual, a comisión de seguemento das inversións e que se abone o gasto social pendente.

Sobre a situación económica, Quintana insistiu en crear instrumentos para defender ós galegos da crise, para o ten unha grande utilidade a autonomía: ‘Temos que demostrarlle ós galegos que ter competencias é bo para defenderse ante os efectos da crise’, argumentou. Entre as medidas propostas, atópanse as construcción de 45.000 vivendas protexidas, infraestructuras para o rural e a obriga das eólicas de crear empresas nas zonas onde instalen os parques. Ademais, anunciou a posta en marcha ‘urxente’ do complemento autonómico para as pensións máis baixas. ‘Non queremos outra vez que Galicia pague a peor parte da crise’, concluiu.

Núñez Feijóo ‘pode esperar sentado se pensa que o Goberno galego está dividido’

O Ecoespazo de O Rexo foi o lugar elexido polo BNG para a apertura do curso político ‘convencidos de que nos da sorte’, segundo Quintana, como ocorreu o ano pasado cando o BNG ‘resistiu e incluso avanzou’ nas eleccións estatais, frente á perda doutros nacionalismos. Un lugar que, ademais, simboliza ‘o que o nacionalismo é a forza que pode transformar o país’, segundo o alcalde de Allariz, Francisco García, aludindo ó lema do novo curso político.

Ó acto, con arredor de medio milleiro de militantes nacionalistas, non faltaron tampouco a deputada non Congreso Olaia Fernández Dávila, o senador Xosé Manuel Pérez Bouza, o conselleiro do Medio Rural, Alfredo Suárez Canal; ou o tenente de alcalde de Ourense, Alexandre Sánchez, ademais de directores xerais e delegados das consellerías. Ademais de establecer as prioridades en materia política, Quintana aproveitou a ocasión para lanzarlle unha mensaxe ó presidente do PPdG, Alberto Núñez Feijóo, a quen indicou que ‘pode esperar sentado’ se espera que o Goberno galego estea dividido. Segundo recordou, o BNG ‘vai ser leal coa xente’ e cumprir o programa de goberno.

Pero o reto das próximas elec cións autonómicas tamén estivo presente nas intervencións. Así, os ponentes animaron ós militantes a traballar para fortalecer o partido e que o BNG ‘saia reforzado das próximas autonómicas’, en palabras de Jorquera. ‘A unidade de tódolos galegos, co BNG ó frente, fará que Galicia triunfe’, concluiu Quintana.

Tralos discursos, o acto completouse coa actuación do mago Martín Camiña, nun espectáculo con guiños políticos guiados polo lema ‘Transformando o país’ como, por exemplo, para ensinarlle a Solbes a transformar un billete de 10 euros nun de 20. A xornada rematou cunha comida de confraternización.




Te puede interesar