Entrevista

Rafael Villarino: "O obxectivo é pasar dun partido de 9 a un partido de 10 que faga posible o cambio"

Rafael Rodríguez Villarino non dubidou en ningún momento á hora de presentarse a reelección coma secretario provincial do PSdeG-PSOE, avalado polos resultados acadados nos últimos comicios municipais. Agardou a que se abrise o prazo para confirmar a súa candidatura por respecto ao resto de compañeiros

Nalgún momento pensou que a política municipal no Concello de Ourense podía queimalo demasiado como para presentarse a reeleción?

En absoluto. Teño a convicción da lexitimidade. Somos a forza política máis votada, e a pesar de todas esas trabas que poñen para que cheguemos a ser os representantes de toda a cidadanía en Ourense, non temos ningunha dúbida de cal é o obxecto polo que estamos aquí. Estamos para cambiar o modo de facer política e prestar servizos á cidadanía no Concello e na provincia.

Con que programa se presenta, que lles ofrece aos militantes?

Temos un partido sobresaínte. Nestes catro anos de mandato pasamos de ter os peores resultados do PSOE aos mellores da historia do partido. Nós chamámoslle un partido de “9”, tomando como referencia os nove concelleiros que temos no Concello de Ourense e os nove deputados que temos por primeira vez na historia na Deputación. Tamén conseguimos romper por primeira vez a maioría absoluta da Deputación, convertíndose nunha forza que está pendente e mantida no poder co apoio dunha tránsfuga. O obxectivo é pasar dun partido de “9” a un partido de “10”: dez concelleiros na cidade e dez deputados provinciais que fagan posible o cambio.

A realidade da provincia pasa por algo máis que o Concello de Ourense, pódense sentir discriminadas o resto de agrupacións?

Non teño esa impresión. Creo que nunca houbo tanto contacto coas agrupacións coma nestes catro anos. Ese contacto é permanente, a pesar da pandemia chegamos a moitos concellos; aínda que é certo que non ao ritmo anterior por cuestións obvias. Con todo, tivemos un contacto permantente con todas a través de videoconferencias. É certo que o cambio na Deputación depende en gran medida dos resultados que temos na cidade pola distribución de deputados, que non podemos alterar. Dito iso, nunca chegamos a ter tantas alcaldías coma temos agora: 24 na provincia, 253 concelleiros e unha representación que é a alternativa absoluta e única ao PP de Ourense.

Ten medo de que o lastre esa división interna que hai no PSOE?

Creo que o partido nunca estivo tan unido como o está agora. É certo que historicamente o PSOE se caracterizou por ter desencontros entre o núcleo da cidade e a provincia pero precisamente iso racha no momento en que eu son voceiro na cidade e na Deputación. O resultado foi o que todos sabemos: agora mesmo somos, con nove deputados, o único partido capaz de facer un cambio político nesta provincia.

Sinte coma unha derrota propia non ter sido capaz de sacar adiante a moción de censura no Concello de Ourense?

Non. Creo que a política sae reforzada a partir dunha cuestión que é digna de comentarse: hai un candidato que gaña unhas eleccións. Ese candidato, dunha forza política maioritaria, formula a posibilidade de gobernar, sobre todo á vista do que se encontra en fronte; e hai un partido, o PP, que esixe nese momento que eu dea un paso a un lado para poder chegar a un acordo porque según parece non era a persoa apropiada, segundo eles, para poder gobernar a cidade. É o PP o que, dun xeito anti democrático, di que eu ademais debo asinar por escrito que me retiro da vida política. Non son eu o que ten medo, é o PP quen intenta por todos os medios que eu estea fóra da vida política. Está claro que eu non son o candidato de Baltar neste proceso.

Non houbo capacidade para o diálogo ou cre que o PP fixou esa liña dende o inicio? 

Ás probas me remito. O PP en ningún momento permitiu que se cambiase á persoa que situaron na cadeira da Alcaldía. Gonzalo Pérez Jácome está gobernando a cidade e todo o mundo sabe o motivo, para manter a Manuel Baltar á fronte da Deputación. Eles teñen ese temor a que acabe e impiden que exista o cambio. Estou seguro que non se debeu a min a nivel persoal senón ao que eu represento, unha persoa coa que saben que a provincia ten posibilidades e o seu papel queda moi desvanecido. A situación desta provincia é responsabilidade de quen goberna nela, non de quen non o fai. Nós podemos cambiar todo isto e o PP sabe que ten as horas contadas.

Creo que os cidadáns entenden o que está sucedendo na cidade co proxecto de residencia de Amancio Ortega?

A mensaxe está focalizada desde dúas posicións diferentes. Unha é a do alcalde, que di que somos moi malos todos e o PP súmase a ese razoamento dicindo que o PSOE e o BNG somos os que impedimos a residencia, cando non é así. Nós amosamos en todo momento a nosa disposición a que se faga. O que nos preguntamos é que teñen que ocultar para non presentar o anteproxecto da mesma. Nós somos altofalantes das posicións dos veciños, máis de mil persoas que estaban esperando por ter unha zona verde que estaba planificada para eles. Pedímoslle á Xunta que nos indique onde vai estar esa zona verde que sexa compatible con esa residencia e non obtivemos resposta.

Se é reelexido secretario provincial tenderíalle a man ao outro candidato para traballar conxuntamente?

Por suposto. Cando me presentei hai catro anos calificámonos como candidatura de integración. Había catro candidatos e o primeiro que aconteceu é que unha das listas integrouse e houbo un proceso de tres candidatos onde saín elexido como secretario provincial. Ofrecín a integración e as persoas que quixeron dar o paso tiveron a posibilidade de facelo.

E no caso contrario, de non ser reelexido, sumaría vostede?

Por suposto tamén. Se a min se me dá a oportunidade, eu estou para contribuir ao partido. O que non estou é para marcar vetos nin para situar a unhas persoas a un lado e outras ao outro. 

A seguinte cita importante son as locais, haberá polémica?

Non son moi amigo de trasladar nos medios de comunicación ningún tipo de confrontación no seo do partido, son asuntos internos que á cidadanía ademais creo que lle teñen que traer un pouco despreocupados, á cidadanía impórtanlle os proxectos que presentamos.

Te puede interesar