A XII edición da romaría etnográfica terá ó circo como protagonista

Raigame lembrará a Fidalgo Santamariña

José Luis Ferro, Manuel Baltar, Mariló Fernández Senra e Xosé Manuel Cid.  (Foto: XESÚS FARIÑAS)
O circo será o grande protagonista da XII romaría etnográfica Raigame, un eido artístico ó que lle adicarán a xornada do Día das Letras Galegas por ter nacido en Vilanova dous grandes referentes deste mundo como foron Secundino Feijóo -fundador do Circo Feijóo- e o Padre Silva -creador do Circo dos Muchachos e de Benposta-. A estes nomes sumouse onte o de Xosé Antonio Fidalgo Santamariña, a quen os organizadores de Raigame decidiron outorgarlle o premio Xan de Barros a título póstumo polas súas aportacións á antropoloxía da vila dos Infantes.
Na presentación da festa, que se celebra cada 17 de maio na parroquia de Celanova, estiveron o alcalde, José Luis Ferro; a directora do centro de cultura popular Xaquín Lorenzo, Mariló Fernández Senra; o presidente da Deputación provincial de Ourense, Manuel Baltar, e o profesor Xosé Manuel Cid. Todos eles coincidiron en sinalar a importancia de Raigame como festa da cultura galega que a convirte en 'capital de Galicia o 17 de maio', en palabras de Baltar.

A do próximo venres é a segunda edición que se celebra trala declaración como festa de interese turístico pola Xunta de Galicia e desenvolverase tan só uns días despois de que o Goberno lle devolvese a titularidade da Torre da Homenaxe ó Concello de Celanova. Será a XII edición dun 'parque temático interactivo' -como lle chamou Baltar- que pretende lembrarlle ás novas xeracións as tradicións antergas e que tivo como 'guionista a Curros Enríquez' no seu poema 'A Virxe do Cristal'.

Durante a presentación de Raigame, Xosé Manuel Cid presentou o libro de actas do congreso 'Os camiños de Santiago: miradas e experiencias', que tamén contou na organización con Fidalgo Santamariña e que estivo coordinado polo propio Cid.

Te puede interesar