Reigosa remata a súa campaña a reitor en Ourense

Os membros da candidatura de Manuel Reigosa a reitor.
photo_camera Os membros da candidatura de Manuel Reigosa a reitor.
As principais propostas para o Campus fan referencia ás infraestruturas e ás titulacións.

O único candidato á reitoría da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa, puxo fin aos seus actos de campaña correspondentes ao Campus de Ourense con varias xuntanzas na Escola Superior de Enxeñería Informática, a Escola de Enxeñería Aeronáutica e do Espazo e a Facultade de Ciencias, nas que expuxo os eixos do seu programa co que aspira a un segundo mandato á fronte da institución académica.

Nos actos celebrados, Manuel Reigosa estivo acompañado por boa parte do equipo co que se presenta a revalidar o seu mandato, entre eles Elena Rivo, profesora da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo que aspira a ser a nova vicerreitora do campus de Ourense. O candidato comezou a súa intervención destacando que “hai xente que pensa que habendo candidatura única as cousas xa están feitas pero non é así” e lembrando a necesidade de acadar máis votos positivos que negativos para ser elixido como reitor. Para conseguir esta reelección, apuntou, preséntase cun equipo e un programa “de continuidade”. Así, “satisfeito do cumprimento de promesas que fixemos” no mandato que agora remata e con “ilusión” por asumir un segundo, Reigosa pediu o voto á comunidade universitaria nas votacións que se celebrarán o día 4 de maio.

Compromisos

As principais propostas que Reigosa leva no seu programa para o Campus fan referencia ás infraestruturas e ás titulacións. No primeiro ámbito, o candidato asegurou noutro acto celebrado en Ourense que “a primeira aposta en infraestruturas será un edificio para o grao e o mestrado de Aeronáutica”, dentro dunha estratexia na que acometer este tipo de inversións “non comprometerá os presupostos da institución”, xa que estarán financiados pola Xunta. Ademais, tamén está contemplado no programa electoral a ampliación do Campus de Ourense. Xa máis a longo prazo, desexou que “Informática non tarde tanto en ter un edificio de seu coma Aeronáutica”. Pola outra banda, Reigosa indicou que a implantación de dous novos graos para o vindeiro curso está “moi encamiñada”. Estas novas titulacións serán Intelixencia Artificial e Relacións Internacionais.

Te puede interesar