Reivindican unha homenaxe para Lamas Carvajal en 2024

Afonso Vázquez-Monxardín, Ana Malingre, Valentín García, Pablo García e Henrique Sanfíz. Foto: Xesús Fariñas
photo_camera Afonso Vázquez-Monxardín, Ana Malingre, Valentín García, Pablo García e Henrique Sanfíz. Foto: Xesús Fariñas
Personalidades da cultura lembran ao escritor ourensán que promoveu “O Tío Marcos da Portela”

O legado de Valentín Lamas Carvajal (Ourense, 1849-1906), un dos precursores do Rexurdimento, segue máis vivo ca nunca. A Asociación de Medios en Galego organizou onte unha homenaxe ao escritor, coñecido tamén pola promoción de O Tío Marcos da Portela”, o primeiro medio escrito íntegramente en galego, que viu a luz o 7 de febreiro de 1876. Precisamente, o Arquivo Provincial de Ourense adica un espazo a esta publicación, xunto a La Región, como parte da historia da cidade e da provincia. Personalidades do mundo da cultura, así como familiares de Lamas Carvajal -a súa tataraneta Ana Malingre é unha das grandes defensoras da súa pegada-, compartiron reflexións no Liceo.

Unha figura pioneira

O historiador Afonso Vázquez-Monxardín, colaborador de La Región, é un dos grandes expertos na figura de Lamas Carvajal. Igual que o resto de participantes, Monxardín reivindicou a “posta en valor” da figura pioneira de Valentín Lamas Carvajal, xa que en 2024 se cumpre o 175 aniversario do seu nacemento. “É un bo momento para reivindicar o seu legado, como precursor do Rexurdimento”, anota. Por outra banda, sinalou a súa adicación á prensa. Ademais de ser o promotor de “O Tío Marcos da Portela”, cabe recordar que La Región publicou en 1923 a súa obra completa, ademais dalgunhas edicións de “O catecismo do labrego”.

Lamas Carvajal é unha das figuras senlleiras do xornalismo galego. Case cego, a súa obra literaria e periodística demostra un enorme tesón, superación persoal e confianza no labor que desenvolvía”, sinalan dende a Asociación de Medios en Galego, que subliñan que “O Tío Marcos” acadou un gran éxito e a súa tirada chegou aos 4.000 exemplares “nun momento histórico no que había importantes índices de analfabetismo”. Para os medios en galego, a clave foi “a ironía e o humor” da publicación, así como a “conexión dos temas” que trataba coas preocupacións dos labregos.

Durante o acto tamén se lembrou a Basilio Álvarez, sacerdote, xornalista, político e fundador do movemento agrario Acción Gallega, que foi autor dun novidoso Manual de Xornalismo a comezos do século XX.

Pablo González, da Asociación de Medios en Galego, sinalou a actualidade das publicacións -son preto de 160-, que son “moi plurais”. Tamén acudiu ao acto deste luns Valentín García, secretario de Política Lingüística da Xunta de Galicia, e Henrique Sanfiz, de Radio Fene.

"Non era moderno"

Os asistentes promoveron un recoñecemento a Lamas Carvajal “necesario” no 2024. “É curioso que teña en Ourense unha rúa e unha estatua, pero non hai un centro ao seu nome ou outro proxecto”, puntualiza Monxardín, que cre que o motivo deste recoñecemento escaso se debe a que “era pouco moderno para a época”, eclipsado, por tanto, por outros intelectuais que si teñen outras iniciativas ao seu nome.

Te puede interesar