Francisco Lorenzo Amil
TRIBUNA
Lotería y Navidad... como antaño
Hoxe é o centenario da terceira época do xornal “O tío Marcos d’a Portela”, pois o seu “Parrafeo primeiro” leva na portada “Ourense 18-21 de febreiro de 1917”.
Como saben algúns, e como lles quero lembrar a todos, O Tío Marcos d’a Portela é un xornal en galego que viu a luz o 7 de febreiro de 1876, da man de Valentín Lamas Carvajal. Tivo unha periodicidade variable e unha tiraxe que chegou, seica, aos 4.000 exemplares. Distribuíase á parte de subscritores e quioscos, en feiras e mercados. A temática é moi diversa: noticias locais, xerais, de cultura, agricultura, comercio, consellos, refráns, etc. Por certo, o primeiro anuncio que aparece é de maquinas de coser Singer (5/XI/1876), e leva o anagrama en inglés -The company’s registrered trade mark, without wich no machine is genuine- e a explicación que remata: “Pídanse catálogos ilustrados co-a lista de precios e condiciós de venta a prazos en Ourense, rúa d’as Tendas, númaro 2”). Incluíu nas dúas primeiras épocas, nas que estivo baixo a dirección de Lamas Carvajal (1876-1880 e 1883-1889), colaboracións de todos os grandes e pequenos escritores galegos da época, e poemas e contos da autoría de Lamas -inaugurando así a prosa galega moderna- e mesmo, por capítulos, o primeiro best seller galego: O catecismo d’o Labrego (1889).
A terceira época, centenaria hoxe, remata o 21 de xuño de 1919, se é certo que non existen máis números que os 57 da edición facsimilar. Esta nova época é resultado da combinación do impulso de Xavier Prado Lameiro e Hixinio Ameixeiras, un activísimo ferrolán establecido na nosa cidade durante décadas, ambos integrantes da Hirmandá da Fala Gallega de Ourense, coa intención de recuperaren a memoria de Lamas Carvajal e “recramar pr’Ourense o posto que de dereito lle pertenece n-esta era de resurximento d’a literatura rexional”. Esta etapa nova inclúe colaboracións de vellos rexionalistas e novos irmandiños. Ao principio tiña a súa administración na rúa da Gloria (Arcedianos), número 13, pero aos poucos meses cambiou a Luís Espada (hoxe Alejandro Outeiriño), nº 15, que era tamén a sede do xornal La Región en cuxa imprenta sempre se imprimiu o Tío Marcos nesta época. Ademais, será La Región tamén quen edite a poesía completa de Valentín Lamas Carvajal, ao longo dos anos, reforzando así, se cabe, o seu papel na cultura auriense.
O Tío Marcos conta con moito apoio social que podemos ver na publicidade do primeiro número: “Botica de Fernández Román”, “Gran Bazar Pedro Romero e hirmaus”, “Grande Hotel Roma”, “A Palma, de Teófilo Nieto”, “Colexio Modelo, de don Angel Ferrín”, “Bazar da viuda e fillos de Celestino Vázquez”, “Viños Arnoia Finos, de Xosé Fuentes”, “Coñá Gallego” e “Cafes Unión e Royalty, de fillos de Xosé Rodríguez (N-a UNION e n-o ROYALTY/ nos dous cafés de moda/ xúntase a xente toda/ de máis gusto da cibdá/ pois di que n-os dous sitios/ se atopan tan a xeito/ que xusgan en dereito/ qu’outro millor n’haberá”. A xente do Tío Marcos e destas primeiras irmandades logrou en Ourense tres cousas que se manteñen vivísimas: as Festas do Corpus, as Festas dos Maios e a Coral de Ruada. Por certo, que no seu último número (7/VII/1919), dáse conta do rotundo éxito da primeira actuación do Coro de Ruada no teatro Apolo (onde está Springfiel, no Paseo) uns días antes. Comeza así a crónica: “Por se tratar d’un d’os d’a casa non queremos ser nós os que falemos d’o éisito que abranqueu esta enxebre couleutividá. Eiquí o que sobre d’ela di o noso quirido compañeiro La Región”... Pois desde este compañeiro, felicidades no centenario, Tío quirido.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
Francisco Lorenzo Amil
TRIBUNA
Lotería y Navidad... como antaño
Iván González Decabo
DIARIO LEGAL
El Supremo pone en la diana al préstamo familiar
Xabier Limia de Gardón
ARTE ET ALIA
Locus amoenus, narrativa local trufada de literatura para una muestra de historia personal
Miguel Abad Vila
TRIBUNA
El experimento de Minnesota
Lo último
TRANSPARENCIA Y REGENERACIÓN
Las cinco propuestas del líder del PP, Alberto Núñez Feijóo, para "reparar institucional y moralmente a España"