A material memoria de Lamas Carvajal
ARTE ET ALIA
Édifusa a presenza de Valentín Lamas Carvajal entre nós, e non debía selo pois o seu fulgor fixo escintilar Ourense en toda Galicia. O ecoar seu foi tan intenso que o escritor chegou a ser acusado de ter o “extraño interés” de “orensanizar a todo el resto de Galicia”. Elo foi así nos fulcrais tempos das ondas que os historiadores da literatura deron en chamar o Rexurdimento Galego, os tempos de Rosalía e dos coetáneos seus, Pondal e Manuel Curros. O seu ideario se asenta nun emblema tripartito de raíz rexeneracionista, “Galicia ante todo”, “Galicia sobre todo” e un dos máis citados a posteriori, “Deus fratresque Gallaeci”.
Aquí naceu en 1846, aquí traballou arreo coa súa cegueira, coa súa muller, Amalia Rosina Sánchez, axudante indispensable e verdadeiro factótum seu, e aquí morreu en 1906. Dende a rúa de San Cosme, parroquia da Trindade, onde foi bautizado cos apelidos Lamas Carbajales, alterando co tempo o da nai, polo que se coñece. Director-propietario de El Heraldo Gallego dende 1874, publica o ano seguinte o libro de poesía Espiñas Follas e Flores, primeiro ramiño, o primeiro en facer camiño dende os “Cantares Gallegos” de Rosalía, obra que tivo un rechamante éxito con varias edicións. Será “O Tío Marcos d’a Portela”, dende 1876, o piar fundacional do xornalismo en galego, o que ven sendo un símbolo para Galicia dende a rúa Lepanto. Poesía e periodismo, este tamén en “El Eco de Orense”, entre 1880-1909, un xornalismo rexionalista e preocupado polo agro, con crítica social e humor, como no “Catecismo do labrego”, libriño de sona que foi reeditalo a fins dos anos sesenta do pasado século e acadar sona de novo. Un elenco e traxectoria no contexto Restauración borbónica, tralo sexenio democrático da Iª República, no derradeiro terzo do século XIX.
Unha das dúas placas que tivo a rúa que se lle adicou en 1925.
Foi Lamas, naquel Ourense, un persoeiro coñecido e valorado, e así aos poucos anos da súa morte, en 1918, colócanlle un monumento no Xardín do Posío, busto do marmorista e escultor Daniel Piñeiro nun pedestal baixo, que nunca acabou por gustar, quizais pola comparanza coas esculturas de Frei Feijóo e Concepción Arenal. En 1925 dedícaselle unha importante rúa da cidade, que comunica a Praza maior e concello coa que hoxe en día é o Paseo, vella rúa perimetral do Oeste onde está o Liceo e a antiga igrexa e colexio dos Xesuítas, hoxe parroquial de Santa Eufemia, a rúa dos pais de Prego e da familia dos Quesada Porto. E Manuel Malingre Ludeña, casado con Augusta, filla do poeta, manda fundir dúas placas en bronce, das que queda unha, máis... que sobranceira! Para conmemorar o centenario do nacemento, fáiselle un novo monumento en 1949, con busto broncíneo de Pascual, sendo en pedra “O Tío Marcos d’a Portela” e a “moza gallega”, das primeiras obras de creación de Antón Faílde Gago, monumento proxectado por Rdz. Sanz e Rdz. Veiras. Na inauguración Otero Pedrayo falou en galego, diante das autoridades franquistas, na honra do homenaxeado, un impacto público. Paga a pena ver o monumental e fermoso panteón do pai do xornalismo galego en San Francisco.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
Lo último
FUTURO ASEGURADO
La cantera también brilla en la Carrera Popular de San Martiño
EJERCICIO TERAPÉUTICO
Los médicos de familia defienden un abordaje multidisciplinar del dolor crónico