PROVINCIA

Remata o programa de voluntariado na Peroxa

Vintetrés mozos desenvolveron traballos de conservación ambiental

A directora xeral de Xuventude e Voluntariado, Cecilia Vázquez, visitou onte a un grupo de seis voluntarios que están a participar na última quenda do programa de voluntariado ambiental que se está a desenvolver na Peroxa. Ao longo do verán, un total de 23 mozos e mozas maiores de 16 anos de Galicia, Madrid e Barcelona, participaron no desenvolvemento de diferentes traballos en zonas naturais.

En concreto, estiveron realizando traballos de conservación, limpeza e restauración de diferentes roteiros, áreas recreativas e espazos naturais; descubrindo e acondicionando zonas naturais, montes e miradoiros; coordinando visitas guiadas a centros como o pazo de Montefiz ou a Fazenda Prádio, así como a paraxes naturais como a Ribeira Sacra. Tamén houbo actuación ante lumes; eliminación de vertedoiros incontrolados; vixilancia estática desde a caseta de Ferradal; e vixilancia disuasoria de incendios forestais por diferentes roteiros.

A directora xeral de Xuventude e Voluntariado, Cecilia Vázquez, dixo onte no albergue da Peroxa que “esta actividade permite canalizar, a través do voluntariado, a participación activa da sociedade no coidado e na conservación de diferentes espazos, ao tempo que permite aos voluntarios gozar da zona, así como axudar nas tarefas de recuperación dos ecosistemas”.

Os voluntarios teñen cuberta a manutención, o aloxamento, o material necesario para a actividade e contan cun seguro de accidentes e de responsabilidade civil.

Máis de 300 persoas están a participar entre xuño e setembro de este ano en preto de 1.300 xornadas de acción voluntaria, das que preto dun cento levan a cabo o programa de voluntariado ambiental no parque natural do invernadoiro, no macizo central e bidueiral de Montederramo, no Val do Ulla, en Curtis e na Peroxa. Son un total de 480 xornadas de acción voluntaria.

Te puede interesar