“Retrasar o PXOM podería levar o concello á quebra'

Agustín Fernández recolle cogumelos, unha das súas afeccións durante o outono. (Foto: Xesús Fariñas)
Acaba de cumprir o seu primeiro ano nunha Alcaldía na que viviu máis dun sobresalto e tamén algunha alegría. Nin un nin a outra semellan deixar pegada no seu aspecto de home tranquilo, imaxe da que só se afasta nos plenos máis tensos.
Visto con perspectiva, arrepentiuse algunha vez de ser alcalde?
En absoluto. Creo que as circunstancias foron difíciles pero penso que era o momento no que había que decidir con responsabilidade e ter coherencia política. Era a miña obriga cos cidadáns, unha vez que te presentas a unhas eleccións e que te elixen, aínda que sexa nunha lista para ser concelleiro.

Cre que cumpriu as expectativas?
Honesta e sinceramente, creo que si. A visión que eu teño é que quizais as pequenas cuestións do día a día tapan un traballo intenso. Falo do Plan Xeral, dos pasos que se deron no Plan Estratéxico Termal e a área das Burgas e todos estes equipamentos que están empezando a funcionar, como o Banco de España, o claustro de San Francisco ou o centro cívico de Seixalbo. Ademais, aínda cos problemas que poidan xurdir no día a día, os grandes servizos do Concello funcionan á perfección.

O seu gran reto agora é aprobar o Plan Xeral. Diría que é o mellor?
Este é un Plan moi pensado, sólido e sostible; que non queremos que sexa anulado polos tribunais. Polo tanto, é prudente pero razoable en canto ás previsións de crecemento de superficie residencial, trata de recoller os proxectos estratéxicos da cidade e reforzar o déficit que temos de equipamentos públicos e de solo empresarial.

Tócalle tramitalo en minoría.
Eu aquí apelo ó consenso e á altura de miras da oposición. Creo que non é unha cuestión partidista porque estamos tratando un Plan que ten que ser o mellor para 20-25 anos e, sobre todo, que é a solución a unha situación moi, moi difícil. Se nos retrasamos substancialmente, colocamos ó Concello ó borde dun precipicio económico, xa que se chega a anularse a normativa provisional poderíamos vernos abocados a unha auténtica quebra polas demandas, de máis de 100 millóns de euros, e, a maiores, as derivadas desa ordenación provisional. Ante esta situación, non é o momento de facer política de oposición nin desgaste do goberno, senón pensar no mellor para a cidade porque hai tempo de resolver aqueles pequenos erros que poida ter. Gustariame salientar que é un Plan que recibiu o aval da Dirección Xeral de Urbanismo e publicamente foi apoiado por Agustín Hernández, que mostrou o seu desexo de que se aprobase para ter un Plan o antes posible. Considerando que a Xunta é a que ten que aprobalo definitivamente, eu pediría a PP, BNG e DO que, por responsabilidade, o apoien.

Fala da responsabilidade da oposición, pero ata onde cedería o goberno para obter consenso?
En calquera negociación todas as partes teñen que ceder, pero eso ten que se discutir a partires da aprobación inicial, que é cando todos imos coñecer cada criterio do Plan. Pódolle dicir que del non coñezo absolutamente nada máis que as súas liñas xerais e o que todo o mundo sabe. Cando o secretario xeral me deu unha copia, eu pedinlle que a lacrara e a asinara. Non a abrín.

Por que?
Porque creo que non é o momento no que a un membro da Corporación lle interese saber como vai quedar unha finca en concreto. A min o que me importa agora é que o documento se adapte á normativa, sexa racional e sostible.

Como resolverán no PXOM a integración do AVE?
Para recollelo no PXOM ten que asinarse o convenio entre as tres administracións no que se fixen os criterios urbanísticos no solo liberado e como van ser a estación e a integración. Hai un protocolo asinado pero imaxino que os aproveitamentos urbanísticos non valen o mesmo e haberá que decidir como quedan.

Aínda ve posible que Ourense teña AVE e nova estación en 2018?
Cremos que é posible. Estanse dando pasos e aínda estamos en prazo para poder chegar a ese ano. O único que quedou en discusión foi reestudiar un pouco a estación, todo o demais estaba aceptado polo ministerio. Nós queríamos un cronograma de prazos e créditos e unhaconfirmación de que a estación de Norman Foster se levaría adiante, ou outra semellante. Para min non é un capricho, Ourense sempre foi moi discriminada en infraestucturas e hoxe non podemos permitirnos que o AVE sirva para que se nos vaia a xente ou pase de largo. Para eso, unha boa estación, que sexa un bo escaparate, é fundamental. É máis, creo que é mellor esperar un pouco máis a non ter unha boa infraestructura.

Cumprirá a promesa electoral da Ronda Termal?
É difícil terminala toda ó longo do mandato, pero temos o proxecto e o seguinte paso é que Fomento nos ceda a N-120 que discurre a carón da marxe dereita do Miño. Neste dous anos, se temos a cesión, unha parte importante pode estar en marcha, porque será un proxecto plurianual.

E o de ter carrís bici?
Temos que facelo posible. A pesares de que as nosas infraestructuras viarias son complicadas e a nosa orografía difícil, estamos analizando como o resolven noutros lugares. Penso que un carril bici pode convivir coas infraestructuras viarias que temos sen necesidade de ter un carril independente e á marxe do tráfico, polo que, alo menos nunha parte importante do noso tramo urbano, haxa un carril bici.

O termalismo non é aínda motor económico. Cando despegará?
As infraestructuras que temos hoxe xa atraen a moita xente, pero é certo que queremos ir máis aló. Para iso hai que centrarse en dúas cousas: infraestructuras de calidade e promoción. Temos que ter un gran hotel balneario nas Burgas e outro na marxe dereita do Miño e estamos traballando para que nun prazo curto os teñamos. Marcamos o compromiso para que a súa execución estea en marcha nun ano. Eso si que daría un salto de calidade para que o termalismo sexa motor económico.
Haberá orzamentos en xaneiro?
Haberá, pero somos un goberno en minoría e temos que contar co apoio da oposición. O goberno vai tratar de facer os deberes para ter un orzamento coas aportacións da oposición. O que non nos poden pedir é que a oposición faga os orzamentos para que os execute o goberno.

Con que lle foi más difícil lidiar: con ter un goberno en minoría, tres concelleiros imputados ou coa división do seu grupo?
O que aprendes na política é a lidiar con calquera cousa. Para min o máis complicado é cando se prantexan problemas e non lle encontramos solución no día a día, porque creo que o grupo hoxe está unido, o alcalde está representado no máximo órgano de dirección do PSdeG-PSOE e estamos remando todos na mesma dirección.

Da por zanxado ese tema?
Si.

Vese respaldado para optar á Alcaldía en 2015?
É moi cedo para tomar esa decisión. A min hoxe o que me interesa é desenvolver todos os proxectos e despois chegará o momento no que decidirei se me vou ou se me presento a esas primarias nas que os militantes decidan quen é o candidato.

Seguirá defendendo que non dimitan concelleiros imputados?
Na miña opinión, un cargo público ten dereito a que se lle respecte a presunción de inocencia, xa que non facelo leva a que se produzan danos irreparables. Vímolo nos paneis, no caso de Pepe Blanco e noutros. Polo tanto pídoo para Marga Martín, os funcionarios e para calquer político de calquer outro partido. Non obstante, se se nos debe pedir máis responsabilidade por ser cargos públicos, ó que apelo é a un acordo de todos os grandes partidos para ver en qué momento ten que abandonar o cargo público. Temos que ser homoxéneos.

Un ano e unha reprobación despois, invitaría de novo ó BNG a unirse ó goberno?
Hoxe é complicado, xa transcurriu moito de mandato, pero sigo trasladándolle ó BNG que a min me gustaría que se incorporaran de novo, como se fai noutros concellos nos que gobernan PSOE e BNG. Pero considero que eles tomaron unha decisión e é normal que se manteñan na oposición. O que pido é o seu apoio para as cuestións máis importantes. n

Te puede interesar