CRÓNICA

Rosalía é Son Goku nas Lagoas

A exposición "As cores de Rosalía" está feita por alumnos e profesores do centro de As Lagoas (JOSÉ PAZ).
photo_camera A exposición "As cores de Rosalía" está feita por alumnos e profesores do centro de As Lagoas (JOSÉ PAZ).

O alumnado deste instituto ourensán, con algún profesor, é responsable dunha exposición de Rosalía de Castro na que amosan ata a visión máis "tola" da escritora galega e que centra as olladas dos recreos dende hai días

Rosalía de Castro é azul e violeta nos corredores do IES As Lagoas. Así a ven moitos dos alumnos: coa cor femilista e coa cor da bandeira galega. Dende hai uns días, o recreo deste instituto ourensán converteuse en tempo para observar unha exposición de "Rosalías". Os membros da comunidade educativa–tamén hai caretas feitas por profesores–debuxaron a súa versión da escritora galega para honrala no 182 aniversario do seu nacemento. Hai oco para "Rosalías" convertidas en Frida Kahlo, David Bowie ou ata Son Goku.

"Quixen que parecese que Rosalía estaba detrás dun seto, coma se lle sacaran unha foto. Puxen as follas e o pelo para que semelle máis real. Ao principio, a iniciativa pareceume un pouco rollo, pero ao final gustoume moito facer o debuxo e ver como quedaban as 'rosalías' dos demais compañeiros", explica a alumna Paula Mateo.

Nas escaleiras que suben ao primeiro andar está a "rosalía" de Lucía Rodríguez. "Quixen imaxinarme así a Rosalía e pinteina con maquillaxe e os ollos violetas", explica esta rapaza.

Paula Dasilva é outra das participantes entre o cento de deseños que dan vida ás paredes o instituto. "Simplemente quixen facer algo diferente e non só pintar o molde. Así que lle puxen un estampado. Creo que a idea está moi ben, á parte fixéronse moitísimas e quedan xenial", conta esta alumna.

Os artífices da idea son os responsables da biblioteca do centro, en colaboración co departamento de plástica. Tal e como explica Elisa Rodríguez, a xefa de estudos do IES As Lagoas, o obxectivo foi "fomentar a biblioteca como espacio creativo". O Día de Rosalía, que se celebrou o pasado domingo pero que se prolongou con diferentes actividades na cidade ata o luns, foi a oportunidade escollida polos do IES As Lagoas para incentivar a creatividade do alumnado. Un sinxelo molde fotocopiado da cara de Rosalía de Castro e mans á obra. Participaron alumnos de tódolos cursos do instituto.


No recreo, á biblioteca


"Ahí va la loca soñando. Con la eterna primavera de la vida y de los campos", lese nunha das caretas. A incorporación de poemas da escritora repítese en moitos dos deseños. "Rosalía nas Lagoas. As cores de Rosalía" é o lema que utilizaron para a exposición, que centra as olladas dos rapaces e dos profesores nos recreos. A idea parte dunha desas bibliotecas escolares que fai que os rapaces lean e esperten a súa creatividade no tempo de lecer.

Te puede interesar