Rosendo Fernández: “O termalismo social xerou máis de cinco millóns de euros en Ourense”

Rosendo Fernández (MARTIÑO PINAL).
photo_camera Rosendo Fernández (MARTIÑO PINAL).

O programa de termalismo social da Deputación de Ourense cumpre 10 anos e faino con máis de 5.000 visitantes e 70.000 pernoctacións, que deixaron en Ourense sobre 5 millóns de euros. Ademais, a chegada da alta velocidade á provincia, sumada ao proxecto do hotel termal do Pazo Provincial, fan que as expectativas para o futuro dun termalismo social sexan “máximas e mellores incluso dos grandes resultados que xa obtivemos”. 

Por que naceu este programa de termalismo social hai unha década?

Esta ilusionante iniciativa da Deputación de Ourense social e económica foi pioneira a nivel nacional, porque se algo nos diferencia dos demais é o termalismo. Dende as institucións, temos a obriga de rendibilizar e darlle luz a este factor diferencial.

Nace ademais nun contexto de crise económica.

É certo. Había un contexto moi adverso e non existía a cooperación cos balnearios. Naquel momento, son as propias instalacións as que solicitan poñer en marcha este programa de cooperación que fomentara o uso dos balnearios provinciais para manter o emprego e recuperar economicamente as comarcas nas que se atopan. Por iso nace este programa, que era único a nivel nacional xa que daba a posibildade de que participaran persoas de calquer municipio de España. Calquera podía trasladarse a Ourense en tren dende máis de 40 estacións, incluíndo na oferta os viaxes de ida e de volta. Esta singularidade vese reforzada coa chegada do AVE.

Polo tanto, Renfe é un socio fundamental.

Se isto é posible foi grazas a un convenio, no que tivo moito que ver o presidente Manuel Baltar, con Renfe, para implementar este sistema de viaxes de ida e volta. Ademais, ten un sistema completamente electrónico dende 2014 que permite ver a adxudicación de plazas en tempo real e presentar a solicitude dende a comodidade da casa. Renfe é tan fundamental que dende a posta en marcha do programa, máis de 5.000 persoas para acudir a este programa, o que representa máis de 70.000 pernoctacións. Creo que se pode resumir con esta comparación: ata o 2012, os balnearios estaban na UCI; agora o enfermo xa camiña polos pasillos. Este programa deixou directamente en Ourense máis de 5 millóns de euros.

Cales son as bases do programa?

Ten dous aspectos fundamentais: por unha banda, ofertar servizos de saúdo, benestar e envellecemento activo a través do termalismo social, con todos os beneficios que teñen as augas mineromedicinais para a saúde. Como médico son coñecedor das propiedades terapéuticas das augas termais e o beneficio que dan para a saúde. E en segundo lugar, consideramos estratéxico o potencial que ten para a provincia eses balnearios, con todos os postos de traballo e o desenvolvemento que xera. Así, en abril de 2013 cristaliza ese acordo de colaboración público-privada que incentiva este tipo de turismo.

É ese o maior éxito do desenvolvemento termal?

Esa dualidade é a clave, é o que nos diferencia. E o AVE vai xogar un papel diferencial no futuro, porque reduce os traxectos e volve a Ourense máis competitivo. Xa hai turistas nos balnearios que chegaron coa alta velocidade integrada no programa.

É un dos principais recursos a explotar?

Por suposto. Esta iniciativa levaba crecendo arredor dun 30% anual e só a pandemia puido freala. E o futuro, da man da alta velocidade, o futuro é brillante.

En que máis se traballa de cara ao futuro?

Estamos traballando en apoiar a dixitalización dos servizos termais para facelos máis accesibles. Tamén poremos en marcha unha app termal e outros proxectos que comentaremos na conferencia. Traballamos en ampliar as modalidades do programa: queremos sumar á oferta de seis días e cinco noites e á de fin de semana unha terceira para os balnearios sen establecementos hoteleiros. Hai algunhas instalacións que se queren incorporar ao programa pero que non teñen a capacidade de aloxar aos seus visitantes.

Que lle diría a quen non confía no potencial económico do termalismo?

Non fai falla que o diga eu, os propios donos dos balnearios o poden confirmar. Quero facer fincapé en que antes do programa de termalismo social as instalacións termais estaban na UCI e agora xa poden camiñar polos corredores.

O outro gran proxecto a nivel termal e o hotel balneario do Pazo Provincial. Como avanza este proxecto?

Se sumamos todo o anterior a abrir un novo balneario na cidade fai que os próximos dez anos teñan incluso mellores expectativas que os primeiros. A todas as instalacións da provincia sumamos un referente termal na capital que mellorará moi significativamente ese valor diferencial noso. Esperemos que sexa unha realidade o máis pronto posible, aínda que é algo que non só depende de nós. Ourense non pode perder ningún tren, e a cidade non pode quedar sen este balneario de referencia.

No marco da transición ecolóxica, o termalismo e esta aposta polo transporte público tamén son un factor diferencial?

Secundariamente, fomentamos o abandono do coche particular. Non podo imaxinar a cantidade de contaminación que evitou o programa de termalismo social grazas a esta aposta polo transporte público. Ademais, é tamén un turismo de saúde, que só aporta cousas positivas para o desenvolvemento da contorna.

E como se benefician as comarcas que non teñen estes recursos?

Dun xeito indirecto benefícianse de que o termalismo sexa un motor económico. Todos os territorios arredor dunha zona de balnearios se benefician da xente que os visita, porque ademais da estancia termal, os turistas aproveitan para descubrir todo o noso patrimonio natural e cultural, que vai máis alá do termalismo. E ademais, se é un sector que xera emprego e riqueza na provincia, todos nos beneficiamos, xa sexa de forma directa ou indirecta.

Te puede interesar