Sabela Rodríguez graduouse en Educación Social pola UVigo cun traballo final sobre as redes de apoio comunitario durante a crise do covid. Esta ourensá egresada do Campus analizou como funcionaron algunhas destas estruturas de colaboración para xestionar unha situación nova, a da pandemia que nos cambiou a vida e na que afloraron novas necesidades entre a cidadanía. Rodríguez Vázquez recorda como non hai tanto, ao inicio do estado de alarma, as máscaras estaban esgotadas e costureiras profesionais e amateurs puxéronse mans á obra. Son só un dos exemplos que esta educadora social recolleu no seu estudo.
Ía facer un traballo sobre Benposta e cambiou de idea.
Deille voltas durante meses e como pasou todo isto da pandemia empecei a ver cada vez máis iniciativas deste tipo nas redes sociais e pareceume que estaba relacionado cos obxectivos da educación social.
Que analiza na investigación?
Cinco casos de redes de apoio comunitario distribuídos por todo o Estado. Grupos de axuda mutua e redes de máscaras solidarias.
Como funcionaron e de que serviron durante os momentos máis duros da pandemia?
Supuxeron un apoio importante cubrindo dereitos fundamentais porque xurdiron moitas necesidades ás que a administración non estaba sendo capaz de responder. As redes de apoio mutuo chegaron a un número de persoas moi importante. Sorprendeume a rapidez coa que se organizaron.
Que tipo de perfil está detrás destas redes?
Xurdían en base a un tecido social que xa existía. Xente que xa participara en boy-scouts ou axudando na parroquia... Sorprendeume que nos grupos que analicei, as persoas que participaban eran maioritariamente mulleres.
Chama a atención.
Si. É unha actividade moi relacionada co traballo de coidados, seguramente sexa por iso.
O papel do educador social está infravalorado?
Creo que a nivel social hai un descoñecemento moi grande da educación social, porque é unha disciplina que moitas veces se confunde co traballo social. En Galicia non está contemplada a figura do educador social na esfera pública, mentres que noutras comunidades si se contempla nos centros educativos ou nos hospitais, por exemplo. Moitas veces asóciase a figura do educador cun labor asistencialista. No traballo tratei de ver outros ámbitos, como fomentar a participación social.