Sara Vila, ganadora del Premio Eduardo Blanco-Amor: “É un orgullo levar o Blanco Amor de novela”

Sara Vila, escritora e xornalista.
photo_camera Sara Vila, escritora e xornalista.

A xornalista pontevedresa Sara Vila gaña o premio máis veterano da literatura en galego

A xornalista e escritora pontevedresa Sara Vila Alonso (As Neves, 1989) é a gañadora do XLII Premio de Novela Eduardo Blanco-Amor, pola súa obra “O Incendio”. Así o acordou onte o xurado do certame, reunido no centro cultural Marcos Valcárcel, que escolleu a obra gañadora de entre un total de 21 orixinais presentados. Organizado pola Fundación Eduardo Blanco-Amor coa colaboración da Deputación, o premio está dotado con 15.000 euros, a publicación do libro e unha peza artística do escultor  Acisclo Manzano. “É un orgullo levar un premio co nome de Blanco Amor”, di a autora, que coñeceu o fallo a través dunha chamada de Luis Menor, presidente provincial.

Vila é xefa de comunicación da editorial Xerais e esta será a súa segunda novela, despois de “Oito días sen Eva Cortés”, unha primeira incursión literaria coa que gañou en 2021 o Premio Illa Nova de Narrativa, convocado pola editorial Galaxia. “Creo que os premios nun sistema como o galego son moi importantes, porque nos custa chegar aos lectores en galego. É importante o apoio das institucións”, sinala. A escritora lembra que o Blanco Amor de Novela o gañaron anteriormente nomes como Marilar Aleixandre ou Xesús Fraga, que tralo galardón ourensán, ambos foron recoñecidos co Premio Nacional de Narrativa. 

O xurado destaca da obra de Sara Vila “o tratamento desprexuizado” do acoso escolar e sexual, así como das relacións familiares. Desde a perspectiva da protagonista (unha muller que relata a súa adolescencia) e cunha voz poderosa e crúa, sinala a acta, a obra achégase a un “universo adolescente e rural que foxe da mitificación a través de personaxes ben construídos, realistas e coherentes”. A autora engade que a novela ten unha protagonista adolescente que dá os seus primeiros pasos, en paralelo á senectude da súa avoa. “Vai vendo como a súa avoa se vai apagando, nun contexto rural moi abandonado e illado”.

O xurado, que destacou a calidade literaria dos traballos presentados, estivo presidido por Luis González Tosar, en representación da Fundación Blanco-Amor, e integrado por Xosé-Henrique Costas González, catedrático de Filoloxía Galega na Universidade de Vigo; Maite Jiménez Pérez, catedrática de Latín e tradutora; César Lorenzo Gil, xornalista, editor e escritor; e Inmaculada Otero Varela, filóloga e ensaísta galega.

O Premio Eduardo Blanco-Amor é o galardón máis veterano e de maior prestixio da novela en lingua galega. 

Te puede interesar