Seara quere recuperar as zonas verdes da cidade

O candidato do BNG, onte no Xardín do Posío.
photo_camera O candidato do BNG, onte no Xardín do Posío.

O BNG reafirmouse onte na súa aposta pola recuperación das principais zonas verdes e parques do Concello, así como pola “renaturalización” do espazo público. O seu candidato á alcaldía, Luís Seara, marcou como prioridade “a posta en valor dos nosos parques e xardíns como lugares de encontro veciñal e para o lecer e esparcemento” enmarcada no “Ourense verde e sostible”.

Seara manifestou a necesidade de “incrementar considerablemente os esforzos no que a mantemento das zonas verdes, parques e xardíns se refire”. Ademais, incidiu en que é preciso “incrementar a masa arbórea que temos ao longo de todo o concello, e coidala axeitadamente”, debido a que se trata dun elemento fundamental na “loita” contra o cambio climático.

Outro dos obxectivos da formación nacionalista, tal e como debullou o cabeza de lista, será renaturalizar os espazos do concello. “É algo que se está impondo no conxunto das cidades de todo o mundo e que a propia veciñanza comeza a demandar. Precisamos espazos públicos amables, vivibles e saudables”, sentenzou.

Te puede interesar