Sepultados baixo a electricidade

Finalmente, as casas de Granadilla non viron entrar a auga pola porta dos seus patios, pero hai outros puntos da xeografía española onde os municipios simplemente desapareceron. En Ourense, son moitos os pobos que dan boa conta de como o progreso eléctrico obrigou ós seus veciños a mudarse. Algúns, como é o caso de Aceredo, anegado polo embalse do Lindoso, renaceron montaña arriba. Outros, como Alberguería (no encoro de Prada), permanecen só na memoria dos que loitan por ela
Ben é certo que cando unha compañía eléctrica fixa a súa atención nun núcleo de poboación, os veciños reciben unha indenmización para recomezar a vida noutro lugar. Algo que non compensa o trauma arrastrado, segundo contan algúns veciños das zonas inundadas.

O antropólogo Manuel Rivero naceu na aldea de Vilela, pertencente á parroquia de Baño de Bande, un pobo que desapareceu baixo a auga. El chámalle 'a maldición do embalse' e non é para menos. Ós veciños 'rompéuselles un vínculo, o Baño nunca máis foi o Baño'. O encoro das Conchas, o que rodea a zona, garda baixo as súas augas moito patrimonio. O máis salientable é o campamento romano Aquis Querquennis, visible só nalgunhas épocas do ano, pero tamén anacos da Vía Nova e pontes históricas. O anegamento das Conchas tivo lugar a finais dos anos 40. Hoxe en día, moitas das testemuñas directas xa non viven, pero si que estaban aínda cando Manuel Rivero fixo a tese de doutoramento. 'Daquela pasaran xa 50 anos e falaban do embalse como se tivese pasado a noite anterior', conta. Con todo, 'o importante agora é que non nolo contaminen, temos que cambiar a percepción sobre el e velo coma unha fonte de riqueza'.

Décadas máis tarde, o drama volvía á comarca da Baixa Limia da man dun acordo transfronteirizo entre Franco e Salazar chamado Lindoso. En 1992, os veciños de Aceredo, xunto a outros núcleos, collían o andante, os cartos da empresa hidroeléctrica e subían a montaña buscando un novo asentamento para as súas vidas. Benito Pereira era corresponsal deste xornal naquela época na zona da Limia baixa. Para el, oriundo da comarca, 'foi moi duro' dar parte do que acontecía en Aceredo. 'Vin xamóns flotando', lembra, 'algunha xente viu chegar a auga á porta porque non quería deixar a súa casa'. Coa experiencia dos anos, califica o encoro do Lindoso coma 'unha decepción'. Benito Pereira naceu en Lantemil, unha aldea próxima. Alí as casas permaneceron, pero algunhas das terras foron anegadas perdendo así os veciños unha fonte de vida. 'O impacto medioambiental foi tremento e, ó meu parecer, sen ningún beneficio'.

Na zona da Veiga, un centenar de veciños recibiron, en total, uns tres millóns de pesetas por deixar parte da súa vida baixo a auga, 'enganáronos vilmente'. Secundino Lorenzo non é de por alí, 'pero coma se o fora', posto que leva con orgullo o título de fillo adoptivo de Alberguería. Por este pobo pasaban camiños medievais que hoxe percorren o fondo do encoro de Prada, sendeiros que os veciños tiveron que andar buscando un novo comezo na emigración. Secundino Lorenzo é o autor da páxina web 'Ourense natural: broma o realidad' na que analiza a situación dos ríos e desfeitas naturais da provincia.

Os veciños de Granadilla tiveron que deixar as súas casas, pero hoxe continúan en pé como exemplo da vida rural, mentres que as aldeas da provincia que quedaron baixo os encorsos só permanecen vivas na memoria colectiva.

Te puede interesar