O servizo de recollida de lixo da Deputación queda para setembro

O prego de cláusulas económico-administrativas e de prescricións técnicas para a externalización do servizo de recollida de residuos sólidos urbanos debaterase no pleno ordinario do mes de setembro. Así o confirmou onte o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, quen afirmou que se amplía o prazo para formular alegacións ata o 31 de xullo.
O pasado 12 de xullo reuniuse a Comisión Xeral de Seguimento do convenio marco de cooperación entre a Deputación de Ourense e os concellos da provincia para a prestación, por parte da Deputación, en réxime de competencia delegada e con carácter intermunicipal, do servizo de recollida nos municipios que se adhiran.



ALEGACIÓNS

Na xuntanza aprobouse a acta da anterior reunión, celebrada o 4 de xullo, e tratouse a formulación das posibles alegacións ao borrador do prego de cláusulas para a externalización do servizo a través da creación dunha sociedade de capital mixto.

Aínda que non houbo ningunha alegación por parte dos representantes das unidades territoriais que comprende o convenio, o presidente da Deputación de Ourense afirma que se amplía o prazo para a presentación de alegacións, e aínda que podería levarse ao pleno ordinario de xullo a aprobación do convenio, decidiuse ampliar o prazo en favor da máxima transparencia e dun mellor estudo.

Te puede interesar