Ourense

Soutopenedo terá en breve céspede artificial no campo

Ourense

ÁREA METROPOLITANA

Soutopenedo terá en breve céspede artificial no campo

As empresas poderán optar a facer ofertas ata o 12 de agosto. Tamén se remodelarán as porterías e os banquiños

O núcleo de Soutopenedo (San Cibrao das Viñas) verá remodelado o seu campo de fútbol, que pasará a ter herba artificial, logo do acordo asinado coa Deputación a principios de 2019, e que agora viu a luz tras saír a concurso público a obra. O goberno provincial ten aberto o prazo ata o 12 de agosto para as empresas que opten a facer a devandita obra, valorada en 308.000 euros, como prezo base de licitación.

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, e o alcalde de San Cibrao das Viñas, Manuel Pedro Fernández, asinaran no mes de xaneiro un convenio de colaboración entre ámbalas dúas administracións,para a instalación do céspede artificial, algo máis preto de facerse realidade. A institución provincial acordara achegar un total de 150.000 euros. 

O obxectivo é a colaboración para "fomentar o deporte" na provincia. Os convenios cos concellos teñen permitido levar o céspede artificial a campos como o do Melias e o do Vilariño. 

 O campo actual é de terra e xa recibira algunas melloras recentemente, xa que se renovara a iluminación, substintuíndoa por LED. Ademais do céspede artificial, tamén se renovarán os equipamentos deportivos, porterías, banquiños  e banderíns. O prazo estipulado unha vez se firme a adxudicación será de tres meses. 

Mentres, en Barbadás, o campo dos Carrís está en plenas obras de renovación do céspede artificial, tamén froito do convenio entre Concello e Deputación. Os traballos no campo de fútbol 11 poderían rematar en agosto.