Taboadela crea unha lista de propiedades en ruinas

O pleno aprobou solicitar unha subvención para proxectos enerxéticos

O pleno do Concello de Taboadela aprobou onte, de xeito inicial, o proxecto de ordenanza municipal para crear un rexistro municipal de soares e edificacións ruinosas. Esta iniciativa, proposta polo grupo de goberno prevé unha normativa urbanística para que o Concello poida actuar e incorporar propiedades en casos nos que os propietarios de soares e inmobles en mal estado non poidan ser localizados ou non cumpran as súas obrigas.

O alcalde, Álvaro Vila, explicou que, dende a administración municipal, tramitan cada ano numerosos expedientes administrativos derivados do mal estado de propiedades sen dono ou con el ilocalizable. O obxectivo desta iniciativa é que o Concello poida tramitar o expediente de ruina e, “se pasado un ano, os propietarios son descoñecidos, non se localizan ou fan caso omiso”, poderá inscribirse a propiedade no rexistro de soares municipais e poderá subastala posteriormente, explicou o rexedor. Vila precisou que “a idea non é acumular bens para o Concello, senón para que esas fincas non xeneren problemas aos propietarios colindantes”.

Aposta pola enerxía limpa

Por outra banda, o pleno aprobou solicitar unha subvención directa de preto de 1.200.000 euros para inversións a proxectos relacionados coa enerxía limpa. Esta inversión inclúe a colocación de paneis solares nos edificios municipais; cambio de portas e ventás da casa do Concello, centro de saúde e da escola infantil; proxectos de aerotermia; instalación de luces led no campo de fútbol; e a adquisición dun vehículo eléctrico municipal. Enmárcase dentro do programa DUS 5.000, do Instituto para a Diversificación e Aforro da Enerxía (Idae).

Te puede interesar