A Universidade integrarase na Mesa Termal da provincia

Menor, Reigosa, Rajo y Cerdeira.
photo_camera Menor, Reigosa, Rajo y Cerdeira.
O Campus de Ourense entrará para achegar asistencia e soporte científico á toma de decisións

O presidente da Deputación, Luis Menor, e o reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa, mantiveron onte un encontro no que se abordou a incorporación da institución académica á Mesa Termal. Farao a través do Campus de Ourense e en calidade de institución de apoio científico.

A intención da entrada da UVigo na Mesa Termal é achegar asistencia e soporte científico ás decisións das administracións locais relacionadas co ámbito termal. Deste xeito, tal e como trasladan fontes da Deputación, “créase unha ponte de investigación” entre a administración provincial,  os concellos rurais da provincia e a universidade. A idea é traballar na creación dun equipo multidisciplinar. Reunirá grupos de investigación nos campos xurídico, do turismo, da xeotermia ou da intelixencia artificial, entre outros.

Menor saudou a integración da UVigo na Mesa Termal: “Daralle ese plus ao avance en investigación con toda a súa potencia multidisciplinar, con especialistas en todas as necesidades que pode ter calquera proxecto”, dixo trala reunión na Vicerreitoría do Campus, na que tamén participaron o propio vicerreitor, Javier Rodríguez Rajo, e o director da área de Benestar da Deputación, José Juan Cerdeira.

O reitor da UVigo destacou a recente acreditación de especialización do Campus Auga. “Todos os proxectos termais son moi acaídos para dentro das nosas potencialidades. Estamos a disposición da cidadanía para que a provincia ocupe o lugar que merece”, manifestou Reigosa.

Unidade de coordinación

As administracións provincial, autonómica e estatal crearon, en agosto de 2023, unha unidade de coordinación para “impulsar a ampliación e a sustentabilidade do sector termal na provincia”, subliñan fontes da Deputación. Así naceu a Mesa Termal, que ten como misión axilizar a creación e mellora de balnearios da provincia. Con esta meta, asesora a concellos e entidades privadas neste eido. Outra das funcións da Mesa é monitorizar os pasos que debe dar un proxecto ata levantar a persiana: dende a solicitude de recoñecemento dunhas augas como mineiro-medicinais ata a data de apertura dun balneario.

Te puede interesar