Vicente Araguas analiza o último disco de Bob Dylan no Foro La Región

Vicente Araguas. (Foto: SANTOS-DÍEZ)
A piques de cumprir 72 anos, Bob Dylan lanzou hai poucos meses o seu último disco, 'Tempest', co que suma 41 traballos dende aquel primeiro publicado no ano 1962 e que levaba por título o nome artístico do músico americano. Medio século despois de que o cantante iniciase aquela andaina, o coruñés Vicente Araguas traballa nunha tese doutoral sobre a faciana poética de Dylan.
Aínda que Araguas só se considera un 'pequeno especialista' na figura do estadounidense, sobre el e 'Tempest' falará no Foro La Región que esta tarde se celebra ás 20.15 horas no Centro Cultural Marcos Valcárcel e que titulou 'Bob Dylan non fala caladiño'. Segundo conta o tamén profesor, 'daremoslle unha volta a este disco, escoitando anacos das cancións, que analizarei unha por unha'. Na súa ponencia non deixará de lado temas máis antigos de Bob Dylan, pero sempre en relación ás pezas que compoñen o seu último traballo.

Ben é certo que a sólida carreira do músico foise forxando a golpe de sons rock e acordes do folk americano, pero para Araguas, 'Tempest' é un dos mellores discos da súa carreira' porque se en algo é experto Dylan é en ir 'sorpresa tras sopresa'.

A tese doutoral de Vicente Araguas baséase no mundo poético dunha das lendas do rock mundial, que ademais da música tamén tocou eidos como o do cine ou a literatura. Con todo e considerándoo un 'artista marabilloso' e 'moito máis ca un músico', explica as paixóns que ten despertado nos 50 anos de carreira que ten hoxe ás súas costas porque 'sobre todo é un cantante'.

Te puede interesar